DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os responsables das empresas BeOne e Jim Sports e do Clúster da Industria do Deporte

Ciencias da Educación e do Deporte inaugura o curso académico con tres exemplos de emprendemento 

O acto terá lugar este martes e poderá seguirse a través de UVigo TV

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 19/09/2022

Os impulsores de tres empresas de referencia no ámbito da actividade física e o deporte nacidas en Galicia serán na tarde deste martes os protagonistas do acto de apertura do curso académico na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Aberto a público, trátase dun coloquio que porá o foco nos “valores do emprendemento” e na pregunta de “que ten que facer o alumnado na universidade para ter máis probabilidades de ter unha boa traxectoria profesional fóra desta”, como destaca o decano, Óscar García. Para iso, esta actividade contará coa participación de Roberto Ramos, CEO do grupo de xestión de instalacións deportivas BeOne; Jesús Graña Gómez, director da empresa de venda de equipamento deportivo Jim Sports, e o presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, José Amado.

“Os tres relatores teñen moito que ver cunha forma de traballar e de facer tecido empresarial en Galicia”, salienta o decano dos protagonistas dun coloquio que, explica, non porá o foco na xestión de empresas do sector deportivo, senón nunha serie de “cuestións que poden ser extrapolables ao deporte e á educación”, como é aquilo que o alumnado “ten que buscar na Universidade e que logo vaille facer falta fóra”, explica. “Van falar de valores do emprendemento, de onde pór o foco canto terminas a túa titulación e de como hai que traballar moito para poder sacar adiante este tipo de empresas”, engade dunha actividade programada para as 17.30 horas e que poderá seguirse en directo a través de UVigo TV.

Referentes preto da casa 

Titulados os tres en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola Universidade da Coruña, a selección destes conferenciantes viu motivada, como recoñece García, polo feito de que “moitas veces buscamos referentes fóra ou noutros ámbitos, cando aquí hai Galicia hai empresas que están á ultima en determinadas cuestións relacionadas cos modelos de xestión e os servizos ao usuarios e que son moi exemplos para os nosos estudantes dunha forma de traballar coherente e sostible no tempo”.

Con esa idea, foi convidado a este acto o responsable do grupo BeOne, que se encarga da xestión de 37 instalacións deportivas, tanto públicas como privadas, no conxunto de España. Entre os relatores está tamén, o impulsor do provedor de equipamento deportivo “con maior facturación de España”, que Jesús Graña Gómez, Jim, “unha empresa que creou desde cero hai máis de 20 anos en Palas de Rei”, como sinala García. Por último, o coloquio contará coa intervención do que fóra fundador do grupo de xestión de instalacións deportivas Serviocio José Amado, actual presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, que agrupa máis de 60 empresas.