DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase do 25 ao 29 de abril no campus de Ourense

Ciencias Empresariais e Turismo festexa os dez anos da International Week e a súa volta á presencialidade

Conta coa participación de alumnado alemán e profesorado de once países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Académica
DUVI Ourense 25/04/2022

Desde este luns e ata o venres 29, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebra unha nova edición, a décima, da súa International Week. Nela, alumnado e profesorado do centro compartirá cunha ducia de estudantes da universidade alemá de Bremerhaven e profesorado de once países unha semana de actividades académicas, culturais e sociais. A actividade, que reúne a arredor de 120 persoas, volve á palestra despois de dous anos sen celebrarse debido á pandemia.

Un reencontro agardado

María Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destacou na benvida ás e aos participantes a satisfacción do centro “xa que por fin podemos facer esta semana internacional de xeito presencial e que alumnado e profesorado de diferentes países se interrelacione en persoa”. A cita, indicou, sempre contou cun moi bo ambiente pero nesta ocasión “é extraordinario” debido á oportunidade que supón para recuperar a convivencia internacional tras o parón provocado pola covid-19. Na benvida, a responsable académica tamén subliñou as excelentes relacións existentes co centro alemán participante que, indicou, “xa son como da casa”.  

Pola súa banda, María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, recalcou ás e aos asistentes a importancia de recuperar estes tipo de eventos de xeito presencial “nun momento de dificultade para a cooperación internacional, que aínda está vivindo en Internet pero que está progresando cara a presencialidade”. Destacando a atmosfera internacional e de cooperación que se respira nesta International Week, a responsable institucional animou ás e aos participantes a “celebrar a diversidade” e a aproveitar esta semana “nun campus absolutamente amigable” e con carácter internacional como é o campus de Ourense. Na mesma liña, Gerhard Feldmeier, vicerreitor de Internacional da Universidade de Bremerhaven, salientou a súa ledicia por volver dous anos despois a estar en Ourense, “a súa segunda cidade”, e lembrou a traxectoria de colaboración que hai entre as dúas institucións, que comparten dobres graos internacionais, esta semana internacional e outras iniciativas.

Turismo, administración e interculturalidade

“Supón unha grande emoción volver a celebrar esta International Week despois destes dous anos de pandemia pois é algo que forma parte da identidade da nosa facultade. Hai moitísima ilusión por parte do profesorado, do alumnado e do centro”, explicou pola súa banda Elena de Prada, vicedecana de Relacións Internacionais da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Como exemplo, sinalou que as prazas dispoñibles para asistir o alumnado a esta cita esgotáronse o mesmo día da apertura do prazo para inscribirse. Igualmente, apuntou que o profesorado participante “faino con moitísimas ganas de volver a compartir as nosas perspectivas europeístas e coñecemento con alumnado e academia”.

Nesta edición, comentou Elena de Prada, participa un centenar de alumnos e alumnas, 12 de Alemaña e o resto dos diferentes graos da facultade ourensá. Polo que respecta ao profesorado, a cita conta con 18 docentes de, ademais de Ourense e Alemaña, Portugal, Lituania, Letonia, Croacia, Turquía, Finlandia, India, Romanía e Estados Unidos. Sobre o valor desta cita para o alumnado da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo organizadora, a súa responsable de Relacións Internacionais apuntou que “esta experiencia permítelle vivir unha semana intensiva desde o punto de vista intercultural: van a poder ver, convivindo con outros estudantes, diferentes tipo de ensino, de metodoloxías, de enfoques, de culturas... o que lles vai a permitir ampliar as súas perspectivas e mellorar todo o seu potencial”. Ademais, engadiu a docente, a actividade tamén permite ás e aos estudantes “mellorar as súas destrezas en idiomas, fundamentalmente en inglés”.

O alumnado participante, subliñou Elena de Prada, non só o fai como beneficiario da programación senón que tamén “ten un papel moi relevante na propia organización da actividade”. Así, destacou que “hai un equipo fantástico de estudantes, entusiasta, co que é un pracer traballar”. Entre eles e elas están Andrea Rivas, alumna de segundo do programa conxunto dos graos de Turismo e Historia, e Antía Rodríguez, de terceiro curso de Administración e Dirección de Empresas. “Esta é unha boa experiencia para iniciarte no tema da preparación de eventos e ademais podemos practicar idiomas, sobre todo inglés, e coñecer xente de outros países. É unha iniciativa moi interesante”, sinalou Andrea Rivas. “É un achegamento a outras culturas, a outros xeitos de ser, que a nivel persoal pódenos enriquecer moito”, engadiu Antía Rodríguez.  

Ao longo da semana, as e os asistentes compartirán un intenso programa de conferencias a cargo do profesorado participante no que se abordarán temas tanto do ámbito turístico como empresarial, prestando moita atención á interculturalidade, a facer ao alumnado “consciente das diferentes interculturais, da diversidade, para orientarnos cara unha cidadanía global”. Así, durante as sesións, abordaranse temas como a dixitalización no turismo, o turismo en Letonia durante a pandemia ou os valores culturais en Turquía. Como novidade, a programación deste ano inclúe a celebración do I Intercultural Workshop, que consiste en que a programación do xoves trasladarase ao ámbito virtual, a través da UVigo TV, contando coa participación de profesorado de diferentes países que por diferentes circunstancias non se puideron achegar a Ourense.