DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura impúxose por un só voto á encabezada pola decana en funcións, Ana Bernabeu

Ciencias do Mar elixe como decano a Miguel Ángel Nombela

Completan o novo equipo Óscar Nieto, Gabriel Rosón e Elsa Vázquez

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 17/07/2018

O profesor Miguel Ángel Nombela Castaño foi elixido este martes novo decano da Facultade de Ciencias do Mar por 17 votos a favor, 16 en contra e un voto en branco. Este estreitísimo marxe de só un voto fronte á candidatura encabezada pola ata agora decana en funcións Ana Bernabeu obrigou a realizar unha segunda volta das votacións –na que se mantiveron os resultados-, xa que, segundo os estatutos do centro, de non acadarse maioría absoluta nunha primeira convocatoria, é preciso repetir a votación, limitando os requisitos na segunda volta a maioría simple.

Xunto a Nombela Castaño completan o novo equipo decanal os docentes Óscar Nieto e Elsa Vázquez, como vicedecanos, e Gabriel Rosón como secretario, a quen o novo decano lles agradeceu publicamente a súa dispoñibilidade para embarcarse neste proxecto de goberno. “Todos atesouran unha dilatada experiencia investigadora no medio mariño, así como ampla experiencia en cargos de xestión e unha intensa actividade no día a día da facultade”, explicou Nombela. Satisfeito cos resultados acadados, “que demostran que estamos nunha facultade tremendamente viva en todos os sentidos”,  o xa novo decano deu tamén as grazas a todos as e os integrantes da Xunta de Facultade e animounos a que todo o mundo se anime a colaborar co novo equipo “xa que, evidentemente, sen todos vós nada disto sería posible”, ao que engadiu que “agardo non defraudarvos e, xunto co meu equipo, comprométome a loitar pola facultade”.

Segunda etapa ao fronte do decanato

Esta non será para Miguel Ángel Nombela a primeira vez que se sitúe ao fronte do decanato deste centro, pois xa asumira este cargo en 2002, data na que se fundou como tal a facultade, tras dividirse a daquela Facultade de Ciencias, nos tres centros actuais: Bioloxía, Ciencias do Mar e Química. Coordinador do grupo de investigación de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica, integrado por unha ducia de investigadoras e investigadores especialistas en análise xeoquímico e mineralóxico de sedimentos, análise granulométrico de sedimentos e deseño de campañas de xeoloxía mariña, Miguel Ángel Nombela exerceu tamén -desde 2007 ata este mesmo ano- como director da Área de Estudantes e Deportes, convertida despois en Área de Benestar, Saúde e Deportes da Universidade de Vigo, cargo que o levou, entre outras tarefas, a exercer tamén como director do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo.

Posible remodelación dos plans de estudo cara o modelo 3+2

Nesta nova etapa á fronte da Facultade de Ciencias do Mar afrontará novos retos, entre eles, segundo indicou, un dos máis importantes será traballar cun “moi posible escenario” no curto-medio prazo de remodelación dos plans de estudo cara o modelo 3+2. “Ademais tamén será prioritario traballar para que o Mestrado Interuniversitario en Oceanografía sexa a saída natural para as nosas graduadas e graduados que queiran seguir formándose e, se queren seguir a carreira investigadora, poidan facer o doutoramento Do*Mar do Campus do Mar”, explicou Nombela.

Entre outras promesas o novo equipo comprometeuse a implementar no centro o programa de mentoring para alumnado, xurdido na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e aplicado xa con notable éxito en diferentes centros do campus, e conectalo co Plan de Acción Titorial. Ademais tamén se manifestou disposto a traballar, dentro das súas posibilidades, para rebaixar o grao de burocratización en todos aqueles procedementos que teñan que ver co decanato e velar para que os espazos docentes e de investigación sexan o máis seguros posible, mediante a concienciación á comunidade universitaria da importancia dos plans de autoprotección.

Nesta nova etapa tratarase tamén de fomentar e fortalecer as relacións da facultade con institución próximas (Instituto de Investigacións Mariñas, Instituto Español de Oceanografía, Cetmar, Anfaco, Arvi...) e as diferentes empresas vinculadas ao sector mariño de cara, sobre todo, a ampliar a oferta de prácticas curriculares e extracurriculares para o alumnado. “Nesta liña, tamén nos gustaría proxectar a imaxe da nosa facultade na nosa contorna social máis próxima, incrementando a nosa presenza en diferentes foros, potenciando as xornadas de portas abertas,etc”, indicou o decano.

En relación co sector estudantil o novo equipo fará unha aposta por fomentar a mobilidade e por incrementar a súa participación nos órganos de goberno do centro.