DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación comezará a vindeira semana chea de actividades

Cunha presentación dun libro, dúas conferencias e varias actividades dos alumnos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 04/04/2008

A axenda da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para a próxima semana preséntase bastante completa xa que unha presentación dun libro, dúas conferencias e varias actividades dos alumnos de cara á celebración da súa patroa, o día 24, serán os protagonistas do vindeiro luns, 7 de abril. Para comezar a xornada, o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Antonio Torres del Moral, impartirá a conferencia Liberdade de expresión e acción política, un tema de interese para os estudantes do centro. Pola súa banda, o profesor portugués Mário Mesquita presentará, xa pola tarde, a súa nova obra El cuarto equívoco ao que lle seguirá o relatorio O poder dos media na sociedade contemporánea. Para complementar o día, os alumnos de Publicidade e Relacións Públicas teñen preparadas varias actividades que irán desenvolvendo ao longo das sucesivas semanas con motivo do festexo de Santa Kata’08.

As conferencias

Organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade, terá lugar a conferencia Liberdade de expresión e acción política da man do catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Antonio Torres del Moral. A cita é as 12.15 horas na aula 6 da Facultade de Ciencias Sociais e da comunicación e a asistencia é libre ata completar o aforo.
Pola súa banda, e con motivo da presentación do seu último libro, El cuarto equívoco, Mario Mesquita impartirá un relatorio sobre o poder dos medios de comunicación ás 17.00 horas no salón de graos do centro. O autor portugués, como unha das persoas de maior prestixio e influenza do seu país, afondará sobre diversos aspectos relacionados co papel dos medios en distintos escenarios políticos e sociais e exporá diferentes casos prácticos de comunicación desde unha perspectiva tanto nacional coma internacional.

Frases célebres

Xa nun ton máis distendido e cun obxectivo sinxelamente lúdico, os estudantes do terceiro curso da titulación Publicidade e Relacións Públicas, están a organizar diferentes iniciativas con motivo da celebración da súa patroa Santa Catarina de Siena o vindeiro 24 de abril. Para comezar as actividades, unha caixa de correos localizada na entrada da facultade invita aos membros da comunidade universitaria a participar introducindo frases célebres de profesores ou dos propios alumnos. Nos próximos días irase descubrindo que outras sorpresas teñen preparadas os rapaces, como o concurso para escoller a camiseta que se comercializará en Santa Kata’08 e que xa está en marcha.