DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro partidos creados polo alumnado xóganse nuns comicios parte da súa nota nunha materia

Ciencias Sociais e da Comunicación inicia a súa particular contenda electoral

A actividade abriuse este luns coa pegada de carteis

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/05/2022

Na xornada de peche da campaña ás eleccións á Reitoría da Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación deu inicio outra contenda electoral. Nunha actividade que o profesor Xosé Rúas promove desde hai máis dunha década co alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, catro partidos creados polo estudantado xóganse unha parte da súa nota final na materia Técnicas de comunicación electoral e institucional nunha votación aberta ao alumnado e persoal da facultade. A pegada de carteis por parte dos candidatos destas catro formacións ficticias, El Publicista, Patrones, Pasión de Facultades e o Partido Polítiko abriron na mañá deste luns dez días de campaña nos que os catro partidos levarán a cabo diferentes actividades, pechándose esta iniciativa coa votación que terá lugar o xoves 12, na que poderá participar tanto o persoal como o alumnado da facultade, coa excepción das e os estudantes da materia na que se insire.

Como explica Rúas, esta actividade busca que o alumnado leve a práctica algúns dos coñecementos que adquiren na aula sobre estratexias de campaña e comunicación electoral, seguindo “os rituais de toda campaña”. De aí que se abrise este luns cunha pegada de carteis, tras a que os partidos levan a cabo diferentes actividades, xogos ou sorteos nos postos que instalaron na planta baixa da facultade. Ao mesmo tempo, nos próximos días os seus candidatos e candidatas protagonizarán un mitin e participarán nun debate electoral o vindeiro luns. Deste xeito, búscase que o alumnado poida trasladar as nocións que adquiren nas clases teóricas a unha práctica que consiste “na estrutura dunha campaña trasladada a un xogo de rol”, na que cada grupo debe conformar o seu propio “organigrama electoral, con equipos de estratexia, mobilización e loxística”, explica Rúas, e na que as e os participantes “xóganse dous puntos da nota da parte práctica da materia”.

A idea de comunidade como fío de unión

Despois de que a covid-19 impedise levar a cabo en 2020 a actividade, esta puido recuperarse o pasado ano, aínda que se viu marcada, como lembra Rúas, polas restricións ás que obrigaba a pandemia. Nese senso, o docente sinala tanto “as gañas de facer campaña” do alumnado como o feito de que varios dos partidos que crearon teñan entre os seus motivos centrais “a idea de comunidade”. Nese senso, Rúas lembra que se trata de estudantes de terceiro curso, “aos que a pandemia colleu cando estaban en primeiro”, o que motiva que varias das formacións poñan énfase “no tema de buscar o achegamento entre alumnos”. 

De C. Tangana á “lei do mínimo esforzo”

O primeiro en pendurar o seu cartel nesta xornada foi Óscar Domínguez, candidato de El Publicista, unha formación inspirada no disco El Madrileño de C. Tangana. “O disco é como unha expresión do talento español e o que queremos resaltar nós co noso partido é que temos que crernos o noso propio talento”, salienta Domínguez dunha formación que, baseándose na estética do disco, buscará pór en valor ese talento do alumnado de Publicidade e RRPP. “Queremos facer diferentes accións durante toda a semana e teremos tamén unhas cantas sorpresas”, apunta dunha campaña que centrarán cada xornada nunha temática tomando como punto de partida o título dunha canción do disco.  

A continuación, correspondeulle a Alejandro Fernández presentar a formación Patrones, que busca contribuír a “estreitar as relacións entre o profesorado e o alumnado, que coa pandemia diluíronse bastante, a través da imaxe dos patróns”, que serían neste caso as e os docentes do centro. Para iso, levarán a cabo diferentes iniciativas nas que, “cun pouco de humor costumista”, vincularán os docentes “cun elemento que lles identifica”. Ese é o caso do concurso de “busca do tesouro” que propoñen levar a cabo cada xornada e que este luns dedicaron a profesor e fotógrafo Jorge Lens, escondendo un cámara na facultade para premiar a quen a atopase. 

Coa alumna Clara Medina como candidata, o partido Pasión de Facultades foi presentado este luns polo seu portavoz, Nicolás Menéndez, que explicou que a súa formación “céntrase basicamente na unión da facultade”. Tomando como motivo temático a serie Pasión de gavilanes, para xerar un “xogo” coa idea da “paixón pola unión”, este partido centrará as actividades que desenvolvan nos próximos días nese obxectivo “promover un pouco a relación entre toda a facultade” e na idea de “xerar vínculos e buscar que a xente se coñeza”, despois de que a covid-19 impedise “facer vida normal durante estes anos”, como recoñece Menéndez. 

Esta pegada de carteis completouse coa intervención de Diego Sáenz, do Partido Polítiko, unha formación que ten como lema “a lei do mínimo esforzo”. Esta idea que, como sinala o seu candidato, vese representada na idea de que “os universitarios levamos un pouco na nosa natureza deixalo todo para última hora”. A partir de aí, a súa proposta céntrase en “buscar que o alumnado se relaxe e estea menos estresado”, a través de actividades como sorteos de comidas en restaurantes ou festas. “Queremos que a xente se coide máis, descansando”, conclúe Saénz dun partido que pon o foco “na saúde mental do alumnado”.