DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade acollerá unha serie de conferencia e coloquios entre o 21 e o 28 de abril

Ciencias Sociais e da Comunicación pon en valor o talento das súas egresadas en Culturkata 2022

A programación arranca o xoves 21 cunha exposición de traballos do alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/04/2022

Coa comunicación, a creatividade e a innovación como eixos e con profesionais formadas na propia facultade como protagonistas de boa parte das súas actividades, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación desenvolverá, entre o 21 e o 28 de abril, unha semana de actividades abertas ao público, baixo o título de Culturkata 2022. “Coincidindo co Día Mundial da Creatividade, pensamos en recuperar, despois deste tempo de pandemia, o concepto de Culturkata, que era unha actividade que viña celebrándose tradicionalmente na semana previa á celebración da patroa da facultade”, explica o vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez. Así, nas datas previas ao día de Santa Catarina de Siena, o 29 de abril, o centro acollerá unha exposición de proxectos de produtos innovadores ideados polo alumnado, xunto cunha serie de conferencias e coloquios protagonizados pola conselleira delegada de Leite Río, Carmen Lence, e por catro profesionais formadas na facultade.

O punto de partida desta iniciativa é a Exposición innovación de produto, que reúne nunha vintena de paneis as ideas de produtos innovadores que un centenar de estudantes dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual desenvolveron no marco de dúas materias impartidas polo profesor Pedro Figueroa, coordinador da mostra. A exposición instalarase nas cristaleiras do “espazo de coworking” emprazado na planta baixa da facultade e inaugurarase o xoves 21 de abril, coincidindo co Día Mundial da Creatividade da Innovación, nun acto no que participarán a decana, Emma Torres, e o coordinador da mostra. 

Unha das mulleres máis influentes e profesionais que volven a casa

Organizada polo Vicedecanato de Comunicación, coa colaboración da júnior empresa Freshysweet, Culturkata preséntase como “un paraugas amplo, baixo o que poder ofrecer visións complementarias á docencia que se imparte nas aulas”, como salienta Pérez, que destaca que se trata de actividades abertas o público e que se levarán a cabo fóra das aulas, na planta baixa do centro, a partir das 12.00 horas.

Neste espazo intervirá o martes 27 a conselleira delegada de Leite Río, Carmen Lence, que foi elixida en 2021 entre as cen mulleres con liderado máis influentes de España pola organización Mujeres&Cia. Como empregar o storytelling na empresa familiar: o caso de Leite Río é o título desta conferencia, promovida pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo. Presentada polo presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar, Víctor Nogueira, trátase dun relatorio “moi adaptado á nosa facultade, no que falaranos de como empregar o relato como estratexia de márketing nunha empresa”, destaca Pérez. 

Previamente, o luns 25 esta semana abrirase coa conferencia Creatividade e estratexia, perfect match, que impartirá a consultora e titulada en Publicidade e Relacións Públicas, Yolanda Vázquez. Esta será a primeira das tres conferencias que terán como protagonistas a egresadas, “seguindo o obxectivo que temos desde hai tempo de traer profesionais que se formaron na facultade, como un xeito de mostrar a capacidade que teñen os nosos alumnos unha vez saen ao mercado laboral”, apunta Pérez. Con esa idea, dúas graduadas en Comunicación Audiovisual protagonizarán o mércores 27 un coloquio conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e centrado na divulgación científica. Trátase de Noel Queipo e Carmen Rey, xestoras de comunicación no Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas e no Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), respectivamente.

Por último, o xoves 28 intervirá a titulada en Publicidade e Relacións Públicas Lara López, que combina o seu labor como profesional coa súa colaboración na asociación Publicitarios Implicados. Nunha conversa presentada polo profesor Xosé Baamonde, López dará a coñecer o labor desta asociación de profesionais da publicidade, que desde hai máis de 15 anos realiza de maneira altruísta campañas publicitarias para micro-ong, plataformas de afectados por enfermidades raras ou asociacións solidarias, polas que foron recoñecidos cunha decena de premios.

Programa de Culturkata 2022