Cun ciclo de actividades dirixidas a ‘Garantir a igualdade’
Ciencias Xurídicas e do Traballo estende a todo marzo a celebración do 8M
Inclúe un obradoiro sobre protocolos e recursos ante situacións de acoso sexual e por razón de sexo
Garantindo a igualdade. Este é o lema elixido pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo para o ciclo de actividades organizadas desde o centro con motivo do 8M, o Día Internacional da Muller, todo un conxunto de iniciativas nas que se combina a perspectiva institucional, coa da academia e a dos axentes sociais e que se prolongarán desde o 12 ata o 20 de marzo.
“Trátase de aproveitar o 8M para darlle visibilidade a esta realidade e fomentar así o debate xurídico desde diferentes prismas ao longo do mes de marzo”, explica a profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, coordinadora da Aula de Formación Legal da facultade e codirectora das xornadas xunto a Blanca Otero, responsable de Igualdade do centro.
Do papel das institucións como garantes de igualdade...
O ciclo arrancará este mesmo mércores ás 12.30 horas cunha mesa redonda na que se analizará o papel das institucións como garantes de igualdade. Para facelo contarase coa participación da Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández; a decana do Colexio de Avogacía de Vigo, Lourdes Carballo; a directora xeral de Promoción de Igualdade, María Quintiana, e a vicepresidenta 2ª da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Graduados/as Sociais de Pontevedra, Sandra Cid.
... ao rol desempeñado por sindicatos e empresas
As actividades continuarán o luns 17, ás 16.30 h., cun seminario centrado nos Plans de Igualdade. O debate contará coa participación dos principais sindicatos con representación en Galicia -CCOO, UGT e CIG-; a Confederación de Empresarios de Galicia e a propia Universidade, neste caso, da man das docentes da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Emma Rodríguez, que intervirá como poñente, e Rosa Rodríguez, que se encargará de moderar.
O ciclo rematará o xoves 20 co obradoiro sobre protocolos e recursos antes situacións de acoso sexual e acoso por razón de sexo, que será impartido pola directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez.