DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como peche do XI Ciclo de actividades de Dereito Marítimo

Ciencias Xurídicas e do Traballo organiza un foro de orientación laboral específico sobre o sector marítimo e portuario

Aberto ao público en xeral, será este martes pola tarde

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 09/05/2022

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizou para mañá martes, 10 de maio, un Foro de Orientación Laboral específico sobre o sector marítimo e portuario. Trátase dunha actividade aberta ao público en xeral, na non se precisa inscrición previa, e que servirá como peche do XI Ciclo de actividades de Dereito Marítimo,  unha actividade xa clásica neste centro e coa que se trata de aproximar ás persoas asistentes á operativa das empresas do sector marítimo e portuario e aos principais problemas xurídicos derivados desta actividade.

Moderado polos profesores da Área de Dereito Mercantil Carmen Costas e Francisco Torres, actual decano da facultade, o foro contará coa participación de diferentes profesionais que achegarán, cada un desde a súa propia perspectiva, os aspectos básicos que caracterizan a día de hoxe o traballo no sector marítimo e portuario. Participarán Annina Burgin, xerente da Fundación Marinnleg, centro de innovación de estudos xurídicos marítimos e pesqueiros; Javier Castro, director de Incargo Galicia, empresa líder en loxística e transporte global, e de Atlantic Vigo Cruise Terminal; Eva Ortiz, directora xerente de Eimskip, empresa líder no sector do transporte marítimo de contedores e refrixerados con conexións en mercados internacionais; Antonio Quirós, socio de Avante Legal, despacho de avogados especializado en dereito marítimo e dereito do transporte, entre outras temáticas; Elena Rodríguez de Robles, directora de Xente e Talento de Kaleido Logistic, e Antonio Viñal, socio director do despacho de avogados Avco Legal.

Cofinanciado polo Consello Social da Universidade de Vigo, esta undécima edición do ciclo botou a andar o pasado mes de marzo cun relatorio de Luz Baz Abella, coordinadora en España en ITF, a Federación Internacional dos Traballadores do Transporte, titulado Aspectos do traballo marítimo: actividade da ITF e normativa internacional. Foi o arranque de toda unha serie de actividades que incluíron tamén un taller impartido por Roi Gómez, xerente de adquisición de Kaleido Logistics, centrado nas funcións actuais das empresas consignatarias e a súa intervención durante a escala de buques.