Ante a recente celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Ciencias Xurídicas e do Traballo reforza o compromiso do seu alumnado coa inclusión laboral real e efectiva
Analizáronse retos e barreiras que aínda limitan o acceso ao emprego a este colectivo
Entre clases e exames, o alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo fixo este martes un oco na súas axendas para asistir a unha xornada organizada ao abeiro da recente celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, unha actividade coa que o centro busca conciencialos sobre o valor que teñen as persoas con discapacidade no mercado laboral e facelos conscientes da necesidade de traballar para, entre todas e todos, lograr unha inclusión real e efectiva, tanto no eido legal como no social.
“As pequenas cousas son as que fan que tanto as empresas como as institucións teñan unha verdadeira valía”, apuntou o decano, Francisco Torres, na apertura das xornadas, intre no que aproveitou para dar as grazas a todas as persoas, fundacións, institucións e empresas que se achegaron á facultade para participar neste evento. “Para nós é un verdadeiro orgullo que participemos de xeito activo na tarefa de integración das persoas con discapacidade”, recalcou o decano.
Ao seu carón, Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, responsable da Aula de Formación Legal do centro, deu tamén deu as grazas a todas as persoas participantes e explicou que o programa da xornada tratou de integrar diferentes perspectivas de cara a “sensibilizar o noso alumnado, que son os profesionais do futuro, algúns deles xa moi próximos a entrar no mercado laboral, para que sempre teñan en conta no seu ámbito profesional a visión da inclusión”.
Abordando a discapacidade desde unha perspectiva xurídica...
A primeira mesa de traballo abordou a perspectiva da discapacidade desde o punto de vista máis xurídico e institucional. A primeira en intervir foi Teresa Rama, directora provincial do SEPE, Servizo Público de Emprego Estatal, de Pontevedra, quen lembrou que se ben a Constitución establece que as institucións públicas deben promover a inclusión, eliminando os posibles obstáculos que este colectivo poida experimentar no acceso ao mercado laboral, isto non sempre é así. Neste senso, insistiu na necesidade de velar por unha contorna na que estas persoas teñan os mesmos dereitos que o resto da poboación.
“Desde as administracións públicas debemos loitar por conseguilo eliminando todas as barreiras, que aínda son moitas”, explicou Rama, ao que engadiu que, se ben nos últimos anos se traballou intensamente na eliminación de barreiras físicas, “pondo rampas, ascensores, pictogramas...”, queda moitísimo traballo por facer no que se refire a facer desaparecer outro tipo de barreiras, sobre todo as xurídicas.
Desde esa visión, Rama afondou no traballo que fai o SEPE de cara á inclusión no mercado laboral das persoas con discapacidade, desde toda unha serie de reducións e bonificacións nos contratos; vantaxes nos contratos formativos para que poidan adquirir a práctica profesional necesaria; axudas para a conversión de contratos temporais en indefinidos, elaboración dunha guía para que o sector empresarial poida coñecer que tipo de necesidades acostuman a ter estas persoas e facilitarlles así a súa inclusión... “todo un abano de medidas para que as persoas con discapacidade poidan acceder en igualdade de condicións ao mercado laboral”.
Tras a súa intervención, contouse tamén coa participación nesta mesa de traballo de Fernando Pindado, da asesoría xurídica da Fundación Perro Guía da ONCE, e da profesora Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo e coordinadora do programa EMAU, unha iniciativa que busca promover a empregabilidade de mozas e mozos con discapacidade no mundo laboral. Xunto a ela contouse tamén coa testemuña dalgunha das alumnas do programa.
...pero tamén social e de inclusión
Xa na segunda mesa de traballo achegouse unha visión máis centrada na perspectiva social e de inclusión, para o que se contou coa participación de Ana Luna, conselleira territorial de Galicia da ONCE e usuaria da Fundación Perro Guía, que asistiu acompañada do seu can guía, Willow; Isabel Sierra, responsable da Área de Emprego de Down Vigo, e Noela Avendaño; Nazario Correa, director xeral de Roda Vigo e un dos seus traballadores, Pablo Álvarez; Jesús Suárez, cofundador de Escoita, empresa que permite retransmitir en directo acontecementos deportivos, culturais etc; e María Luisa Cid, avogada e membro do Consello Social da Universidade da Coruña, que falou da realidade do autismo na familia.
