DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'Scientific Reports' publica un artigo sobre o estudo realizado no marco do proxecto Predico

Científicos de Galicia e Portugal avalían o equilibrio entre reducir as taxas de contaxio pola covid-19 e a reapertura das economías

En base á análise da evolución do país veciño, desenvolveron un novo modelo matemático

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 10/02/2021

Investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, no marco do proxecto de investigación Predico (Predición dinámica de escenarios de afectación por covid-19 a curto e medio prazo), lograron desenvolver un novo modelo matemático co que avaliar como manter o equilibrio entre reducir as taxas de contaxio e a necesidade de reabrir as economías. En base ao estudo da evolución da pandemia en Portugal, os científicos, xunto co equipo do proxecto homólogo que se está a desenvolver no país veciño, desenvolveron un novo modelo matemático co que levar a cabo un “control eficaz da pandemia”.

O artigo Optimal control of the covid-19 pandemic: controlled sanitary deconfinement in Portugal, que acaba de ver a luz na revista Scientific Reports, do grupo Nature, presenta os resultados obtidos logo de aplicar a teoría matemática do control óptimo, en combinación coa análise da rede social Twitter dese país, para axustar a curva portuguesa de persoas infectadas. Alberto Pérez Muñuzuri, Alejandro Carballosa, Juan Nieto e Jorge Mira son os científicos da Universidade de Santiago de Compostela que asinan a investigación xunto a Iván Area, da Universidade de Vigo.

O equipo afondou na evolución da pandemia durante a primeira onda en Portugal, un país no que, durante o seu confinamento, explican os investigadores do proxecto, concorreron circunstancias de homoxeneidade (a nivel de comportamento poboacional, sen fragmentación territorial e de regulamentacións) e illamento de fluxos de visitantes exteriores. “Estas características, sumadas ao seu relativamente gran tamaño de poboación, fixeron dese país un bo exemplo a analizar”, sinalan. “As políticas de confinamento adoptadas foran ben implementadas e evitaron unha sobrecarga do sistema nacional de saúde portugués”, engaden os investigadores.

Estudo da rede social

Os autores do artigo propoñen nel un modelo matemático que axustou a curva portuguesa de persoas infectadas, con parámetros corrixidos en base á análise da rede social Twitter do país veciño, para detectar mudanzas na opinión pública ao longo do tempo. A continuación, aplicaron a teoría matemática do control óptimo, coa que determinaron “estratexias que maximicen o número de persoas que poidan retornar á vida normal, minimizando ao mesmo tempo o número de infectados activos, con custos económicos mínimos e garantindo un baixo nivel de hospitalizacións”, explican os investigadores. Deste xeito, engaden, lógrase determinar a intensidade e duración dos períodos de desconfinamento que “permiten manter o número de infectados activos, e consecuentemente de hospitalizacións, por debaixo dun nivel considerado seguro para o sistema nacional de saúde”.

A teoría do control óptimo é unha rama das matemáticas que ofrece unha ferramenta para abordar o problema de atopar estratexias óptimas para deter a transmisión do  SARS-CoV-2. “É unha poderosa ferramenta para deseñar estratexias de control e actuar de maneira óptima nun sistema dado”, sinalan os investigadores do estudo, engadindo como “pode axudar ás autoridades sanitarias a comprender, anticipar e mitigar a propagación do virus e avaliar a efectividade potencial de estratexias de prevención específicas”.

Cristiana Silva, Carla Cruz e Delfim F.M. Torres, da Universidade de Aveiro; Rui Fonseca-Pinto, da Politécnica de Leiria; Rui Passadouro e Estevaõ Soares dos Santos, do ACES Pinhal Litoral, e Wilson Abreu, do Centre for Health Technology and Services Research de Porto, completan por parte de Portugal a listaxe de asinantes do artigo publicado este mércores en Scientific Reports. O proxecto Predico, liderado pola USC, conta con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España.