DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Campus do Mar e CIM impulsan o proxecto ‘Scientists meet artists’, unha maridaxe de ciencia e arte

Científicos e ilustradores únense para achegar o coñecemento sobre o medio mariño á infancia

O día 8 de xuño presentarase a serie de láminas artísticas froito do traballo de 12 parellas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/05/2021

Ciencia e arte danse a man na proposta que o Campus do Mar e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo deseñaron para celebrar o Día Mundial dos Océanos. O proxecto, bautizado como Scientists meet artists, propón unha maridaxe entre dous mundos, a priori, ben distantes como son a investigación mariña e a ilustración. Para unilos puxéronse en contacto 12 científicos e 12 ilustradores que, traballando xuntos, deseñaron unha serie de 12 láminas artísticas sobre conceptos ou procesos científicos que ocorren no medio mariño. As pezas serán presentadas o vindeiro 8 de xuño, coincidindo co Día Mundial dos Océanos, nun evento virtual no que participarán os investigadores e artistas.

Un ano de traballo multidisciplinar

As ilustracións son froito do traballo, ao longo dun ano, de doce parellas formadas por outros tantos ilustradores que desenvolven a súa carreira en España e Portugal e 12 investigadores do Campus do Mar pertencentes ás universidades de Santiago, Minho (Portugal) e Vigo e ao Instituto Español de Oceanografía. Con cada lámina quérese transmitir un concepto ou coñecemento concreto en relación co mundo mariño, ben sexa o comportamento dun organismo mariño ben sexa un proceso nos océanos. Cada investigador achegou a idea e o coñecemento científico, mentres que o ilustrador plasmou ese concepto e contido na lámina. Como resultado dese traballo en común producíronse 12 láminas de estilos e temáticas diversas que se converterán en material didáctico que contribuirá á alfabetización oceánica da sociedade.

Unha idea que nace do confinamento

Daniel Rey, director do Campus do Mar, explica que a idea de poñer en marcha este proxecto xurdiu “durante a pandemia, con moitas familias confinadas na casa cos seus fillos e fillas pequenas, buscando actividades sinxelas na internet para entretelos, como imaxes para colorear”. Scientists meet artists propúxose xerar material deste tipo que fose “máis aló de personaxes Disney e superheroes”, con propostas lúdicas que, ademais de entreter, servisen para “impulsar un mellor coñecemento dos mares e océanos creado láminas con estes motivos”.  

A proposta foi evolucionando, relata Rey, “e vimos a oportunidade de reunir as familias arredor deste concepto, de xeito que todos os membros puidesen explorar a lámina a distintos niveis, ofrecendo unha explicación sinxela, pero rigorosa do que ocorre na lámina, á vez que se ofrece unha ligazón con información adicional”. 

As láminas estarán dispoñibles sen colorear e cada unha leva asociados contidos didácticos, accesíbeis a través de códigos QR, de xeito que axude na aprendizaxe e contribúa ao reto impulsado pola Unesco de estender a alfabetización oceánica (ocean literacy) da poboación, un obxectivo no que Campus do Mar está implicado. As láminas estarán dispoñibles en galego, español e inglés e poderán ser descargadas de forma gratuíta desde a páxina do Campus do Mar.

Xornada de presentación

O acto de presentación, organizado por Campus do Mar, terá lugar en modalidade virtual a través da sala 1 do Campus do Mar no Campus Remoto da UVigo. O programa inclúe a participación tanto de persoal investigador e ilustradores que colaboraron coa iniciativa, como a ilustradora María José Gajate, cuxo nome artístico é Mariajo Ilustrajo, que recibiu en 2020 o premio Word Illustration Overall Winner da AOI (Association of Illustrators) polos seus traballos gráficos. O evento está auspiciado polas Nacións Unidas coma actividade que se levará a cabo no marco do Decenio das Ciencias Oceánicas. Para participar na xornada é necesario realizar a inscrición previa a través deste enlace: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/formularios/encuesta/cubrir_paso1/7862