DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A bordo da embarcación Inndaga do grupo Geoma

Científicos internacionais participan na ría de Vigo nunha mostraxe organizada polo CIM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 11/07/2024

Co obxectivo de estudar a diversidade de comunidades de microalgas na columna de auga (fitoplancto) e nos sedimentos (fitobentos), un grupo interdisciplinar de investigadores e investigadoras e estudantes de diversas nacionalidades participaron nunha mostraxe na ría de Vigo a bordo da embarcación Inndaga do grupo Geoma, A actividade, liderada pola investigadora Iria García Moreiras do CIM, Centro de Investigación Mariña da UVigo, desenvolveuse ao abeiro do workshop internacional sobre quistes de dinoflaxelados celebrado recentemente en Vigo. 

As mostras foron recollidas en dous puntos estratéxicos da ría viguesa: un detrás do monte da Guía, na enseada de Teis, e outra nunha parte máis externa, na punta de Alcabre, preto do porto de Bouzas, dúas zonas pouco profundas e semiprotexidas que favorecen a acumulación de células na columna de auga e sedimentos finos no fondo. O período estival é un momento ideal para este tipo de estudos, xa que as condicións ambientais como a temperatura e a dispoñibilidade de nutrientes son óptimas para o desenvolvemento das microalgas, polo que as proliferacións ou floracións son bastante habituais. Tanto é así que no laboratorio, ao microscopio óptico, puido identificarse unha floración do dinoflaxelado Noctiluca scintillans nunha das mostras de auga recollidas na enseada de Teis. Esta microalga posúe no interior das súas células pigmentos (carotenoides) que, ao alcanzar altas concentracións, tinxen as augas dun ton vermello-laranxa. Tamén se detectaron outras microalgas con capacidade de producir toxinas, como os dinoflaxelados dos xéneros Dinophysis sp. e Alexandrium sp., e tamén a especie Lingulodinium polyedra. Así mesmo, nos sedimentos, comprobouse a presencia de estruturas de resistencia ou quistes dalgunas destas especies, que teñen a capacidade de poder xerminar e formar proliferacións de microalgas que podrían ser prexudiciais para o ecosistema.

Comprendendo o funcionamento e dinámica dos ecosistemas mariños

Os estudos sobre a diversidade e a ecoloxía das microalgas son importantes para comprender o funcionamento e a dinámica dos ecosistemas mariños, xa que constitúen a base da cadea alimentaria. Ademais, algunhas especies poden producir floracións tóxicas que poden ter efectos negativos sobre outros organismos, a produción de marisco, a acuicultura e a saúde humana. Neste estudo tamén se buscou identificar posibles estruturas de resistencia que puideran estar formadas por algunhas microalgas (dinoflaxelados) na columna de auga e depositadas nos sedimentos, estas estruturas chámanse quistes e desempeñan un papel crucial na supervivencia e dispersión destes microorganismos.

Na mostraxe participaron sete científicos con especialidades en diferentes ámbitos procedentes das universidades de Lisboa e Minnesota, e de tres institucións francesas, o French Institute for Ocean Science (Ifremer), a Université Bretagne Sud e a Nantes Université, así como Iria García Moreiras, que desenvolve parte da súa liña de investigación sobre a distribución das microalgas na ría de Vigo e o seu potencial como indicadores ambientais.