DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo está liderado por Marco Jabalera e Emilio Marañón, investigadores do CIM

Científicos da UVigo demostran a importancia das flutuacións medioambientais para entender os efectos do cambio global sobre organismos e ecosistemas

A Investigación foi publicada pola revista da Academia Nacional de Ciencia dos Estados Unidos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 24/10/2022

As flutuacións medioambientais, variacións que acontecen de xeito natural na temperatura, na luz, etc. ao longo do día-noite ou coas estacións, son determinantes á hora de predicir de forma máis precisa a natureza e a magnitude dos efectos do cambio global sobre os diferentes organismos e ecosistemas. Así se demostra nun estudo realizado polos científicos do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Marco Jabalera, investigador contratado a través do programa Juan de la Cierva, e o catedrático de Ecoloxía Emilio Marañón, e cuxos resultados foron recentemente publicados pola revista da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos, Proceedings of de National Academy of Science

Os resultados desta investigación, levada a cabo dentro do grupo de Oceanografía Biolóxica, poñen sobre a mesa a necesidade de considerar as flutuacións medioambientais en estudos experimentais e de modelado, así como en todas as accións de xestión e conservación.

Abandonando a falacia da media

A desigualdade de Jensen, tamén coñecida como a falacia da media, proposta polo matemático danés Johan Jensen a principios do século XX, postula que a resposta dun sistema dado a condicións promedio constantes rara vez é igual á resposta promedio a condicións cambiantes. “Aínda que é ben sabido que os organismos experimentan continuas variacións ambientais nos ecosistemas que habitan, a maior parte dos estudos concentráronse en cuantificar os efectos do cambio global sobre as comunidades e ecosistemas baixo condicións constantes de temperatura, pH, dispoñibilidade recursos, etc.”, explican os investigadores vigueses.

Para avaliar si as flutuacións medioambientais poden alterar os efectos preditos das diferentes variables asociados ao cambio global, os autores do estudo revisaron a literatura científica publicada sobre este tema ao longo das tres últimas décadas. Isto permitiulles identificar cinco factores ambientais principais: quentamento, acidificación, cambios na concentración de osíxeno (hipo e hiperoxia), subministro de recursos e luz. Cinco factores que estudaron sobre distintos grupos de animais, bacterias, fungos, plantas e protistas.

Os autores atoparon que a frecuencia de efectos aditivos (“o efecto dun factor dado non é modificado polo efecto dun segundo factor”) foi maior que a de efectos interactivos (“o efecto dun factor é exacerbado ou atenuado polo efecto de outro factor, de modo que o efecto combinado de ambos é maior ou menor que a suma dos efectos individuais”). Segundo explican os investigadores, isto contradí a visión tradicional existente na Ecoloxía segundo a cal múltiples factores asociados co cambio global tenden a exercer efectos interactivos sobre organismos e ecosistemas. “Ademais, os resultados tamén demostran que o tipo de interacción dominante pode variar en función do nivel trófico e o grupo de organismos considerado”, recalcan Jabalera e Marañón.

Liñas prioritarias de traballo futuro

Como liñas prioritarias de traballo futuro, os autores destacan a necesidade de aumentar os estudos con comunidades naturais, investigar a resposta de biomas pouco estudados como, por exemplo, os polares, ao cambio global baixo condicións flutuantes, e avaliar outros factores ambientais máis aló do quentamento global e a acidificación oceánica, como poden ser a dispoñibilidade de recursos, luz ou as condicións de hipoxia/hiperoxia.