José María Da Rocha é un dos participantes na carta que hoxe publica 'Science'
Científicos da UVigo, USC e IEO, entre os 270 investigadores mundiais que piden á OMC a prohibición das subvencións 'malas' ao sector pesqueiro
Co obxectivo de frear a sobrepesca, a destrución de hábitats e emisións de CO2
270 científicos de todo o mundo, entre os que se atopan os docentes e investigadores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da UVigo (Ecobas) José María Da Rocha; da USC (Cetrus), Sebastián Villasante e do IEO de Vigo María Grazia Pennino, advirten nunha carta que hoxe publica Science (The World Trade Organization must prohibit harmful fisheries subsidies) da necesidade de que a Organización Mundial do Comercio (OMC) prohiba as subvencións “malas” ao sector pesqueiro. A pesca, xestionada de forma sostible, sinalan os e as autoras da carta, contribúe á seguridade alimentaria e nutricional das persoas, apoia os medios de vida e as culturas que dependen dela e protexe a biodiversidade. Con todo, explican as e os científicos, os pagos gobernamentais que incentivan o exceso de capacidade da frota e conducen á sobrepesca, están a aumentar en todo o mundo e poñen en perigo a sustentabilidade da pesca. Os preto de 300 investigadores que elaboraron a carta que hoxe publica Science, consideran que a OMC, na súa reunión ministerial de novembro de 2021, ten unha oportunidade única para alcanzar un acordo baseado na sustentabilidade da pesca.
Os autores e autoras do escrito sinalan que, para frear a sobrepesca, a destrución de hábitats e as emisións de CO2, e para salvagardar os alimentos e os medios de vida, a OMC debe prohibir as “malas” subvencións ao sector pesqueiro. Consideran que un acordo eficaz debe eliminar as subvencións do combustible, as subvencións a frotas pesqueiras de augas afastadas e de arrastre de fondo; así como as subvencións a embarcacións ilegais, non reguladas.
Un trato especial e diferenciado para pesquerías a pequena escala
Pola contra, os científicos, apuntan que debe considerarse un trato especial e diferenciado para as pesquerías a pequena escala que utilizan artes de baixo impacto e/ou que pescan para a subsistencia, pero só se se desvinculan de incentivar a sobrepesca. Para garantir a rendición de contas por parte dos gobernos, os autores suxiren apoiar aos países de baixos ingresos para que cumpran os seus compromisos e realicen a transición cara a unha xestión sostible; e ademais recomendan esixir transparencia nos datos e nas medidas de aplicación.
Por todo iso, os autores fan un chamamento aos gobernos para que declaren agora o seu apoio para protexer a sustentabilidade da pesca, a saúde do océano e o benestar de toda a sociedade.