DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigación da Universidade, IEO e CSIC vén de ser publicada pola revista 'Nature Communications

Científicos vigueses estudan a escala global de onde vén o nitróxeno que regula a vida mariña

En rexións tropicais, a maioría do nitróxeno necesario para o crecemento do plancto procede de augas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 09/09/2015

A revista Nature Communications vén de publicar un estudo da Universidade de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía (IEO) e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) que realiza unha avaliación experimental das achegas de nitróxeno para o plancto do océano global. O nitróxeno é un elemento esencial para a vida, sen o cal as algas do plancto no poderían captar CO2 atmosférico mediante a fotosíntese e alimentar a rede trófica dos ecosistemas mariños. “A produtividade biolóxica dunha gran parte dos nosos mares e océanos vese limitada, de forma natural, pola dispoñibilidade de nitróxeno na auga”, explica Bea Mouriño-Carballido, profesora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo. No océano superficial, lonxe das costas, os procesos máis importantes para o subministro de nitróxeno son a difusión dende augas profundas, ricas en nitrato, e a incorporación e utilización do nitróxeno gas do aire (N2), “algo do que só uns poucos microorganismos especializados son capaces”, apunta a investigadora do grupo de Grupo de Oceanografía Biolóxica (GOB), Mouriño-Carballido.

Os resultados da investigación realizada durante a Expedición Malaspina contradín estudos anteriores e mostran que, se ben a utilización de nitróxeno atmosférico é importante, máis do 80% do nitróxeno chega á zona con luz por difusión turbulenta dende augas profundas. “Os nosos datos indican que os procesos de dobre difusión mediados polo que chamamos ‘dedos de sal’ funcionan como vías rápidas de transporte e achegan o 20% do nitróxeno en rexións tropicais e subtropicais do Atlántico e o Índico”, sinala Bieito Fernández, quen está a punto de completar a tese de doutoramento na Universidade de Vigo. A investigación financiouse mediante proxectos de investigación concedidos polo Ministerio de Economía e Competitividade e nel participan ademais de Bea Mouriño-Carballido e Bieito Fernández, autor principal do estudo, outros dous membros do grupo de investigación, o profesor Emilio Marañón e a técnica Paloma Chouciño, que son coautores do traballo.

Publicado pola revista Nature Communications

O estudo, que se publica hoxe mércores na revista Nature Communications, desenvolveuse durante a singradura de sete meses do BIO Hespérides arredor do mundo. Realizáronse experimentos para medir a utilización de nitróxeno atmosférico, á vez que se observaban no microscopio as cianobacterias responsables de tal proceso. Simultaneamente, medíanse as concentracións de nitrato dende a superficie ata as augas escuras, e lanzábanse instrumentos que avaliaban o nivel de turbulencia e a capacidade de bombeo vertical do nitróxeno.

Segundo Rafael Simó, investigador do CSIC e un dos coordinadores da expedición, “aos océanos debemos a metade da produción de osíxeno do planeta e a retirada dunha parte importante do CO2 que os humanos lanzamos á atmosfera, ademais dos recursos pesqueiros; o nitróxeno funciona como chave para regular todo isto, co que comprender o ciclo do nitróxeno é crucial para comprender e anticipar o papel dos océanos no clima e a alimentación das xeracións futuras”. O nitróxeno necesario para que poida darse a fotosíntese na parte superficial iluminada do océano provén da utilización de N2 do aire por parte de algúns microorganismos e da difusión de nitrato dende augas profundas. O estudo que se publica hoxe avalía ambos procesos nos océanos do planeta.