DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As investigadoras da UVigo Ayelén Blanco e Cristina Velasco lideran o proxecto eFISHient

O CIM busca mellorar a eficiencia da acuicultura entendendo como se regula o apetito dos peixes

Céntranse nos mecanismos que regulan a inxesta para deseñar pensos eficientes e sostibles

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 09/10/2026

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo desenvolve o proxecto estatal eFISHient, unha iniciativa científica que ten como obxectivo mellorar a eficiencia e a sustentabilidade da acuicultura a través do coñecemento dos mecanismos que regulan a inxesta de alimento nos peixes.

O proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e liderado polas investigadoras do grupo PhystoFish Ayelén Blanco e Cristina Velasco, céntrase en comprender como determinados compostos producidos pola microbiota intestinal, os chamados ácidos graxos de cadea curta, como o butirato, o acetato ou o propionato, poden influír no apetito dos peixes e axudar a que utilicen mellor o alimento que inxiren.

Como explica Cristina Velasco, “a eficiencia alimentaria non só depende da cantidade e da calidade do alimento dispoñible, senón tamén do sistema de sinais implicado na regulación da inxesta”. Neste sistema interveñen, por unha banda, “mecanismos que responden ás necesidades enerxéticas do organismo e, por outra, procesos ligados á sensación de recompensa e á palatabilidade do alimento”. Así, o proxecto eFISHient pretende “afondar en como os ácidos graxos de cadea curta participan nestes mecanismos e como poden empregarse para mellorar a formulación dos pensos acuícolas para que sexan máis eficaces”, engade Ayelén Blanco.

Enfoque integral

A investigación emprega a troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss) como modelo e adopta un enfoque integral que combina estudos fundamentais e aplicados. O proxecto estrutúrase en tres obxectivos principais: en primeiro lugar, analizar en modelos in vitro o papel destes compostos na regulación da alimentación, o que permite reducir o uso de animais vivos na experimentación; segundo, estudar como actúan no eixo intestino-cerebro e como inflúen nos centros cerebrais que controlan o apetito; e, por último, avaliar de forma práctica a eficacia de pensos con baixos niveis de fariña de peixe enriquecidos cos compostos máis prometedores.

Este traballo permitirá sentar as bases científicas para o desenvolvemento de novos pensos acuícolas máis sostibles, capaces de mellorar a eficiencia alimentaria, o benestar animal e a produtividade xeral do sector. Ademais, o proxecto representa un avance significativo no coñecemento dos mecanismos biolóxicos que regulan a alimentación dos peixes, contribuíndo á transformación da acuicultura cara a modelos máis respectuosos co medio ambiente.