DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O CIM colabora co IEO no desenvolvemento dun novo modelo conceptual para entender a dinámica do fitoplancto nas Rías Baixas

Analiza as condicións ambientais que regulan a sucesión de especies de fitoplancto na ría de Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 08/04/2026

A Universidade de Vigo colaborou cun equipo do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) para presentar un novo modelo conceptual que permite comprender mellor a dinámica e a sucesión das comunidades de fitoplancto nas Rías Baixas, un elemento fundamental para o equilibrio dos ecosistemas mariños. Concretamente, o traballo é froito dunha tese de doutoramento do Programa DoMar e usou os datos do proxecto Remedios, liderado pola investigadora do Centro de Investigación Mariña da UVigo Beatriz Mouriño.

Ata o de agora, os estudos sobre a sucesión estacional do fitoplancto nas Rías Baixas analizaban estes cambios como procesos homoxéneos en toda a columna de auga. Porén, este novo enfoque, baseado en observacións de alta resolución espacial e temporal, demostra que a dinámica do fitoplancto é moito máis complexa, variando tanto no tempo como en profundidade, especialmente en resposta aos episodios de afloramento costeiro característicos da zona.

Novo enfoque

O estudo, publicado na revista Progress in Oceanography, analiza as comunidades de fitoplancto por capas de profundidade e revela que distintas comunidades poden coexistir simultaneamente en diferentes niveis da columna de auga. A partir destes resultados, os autores propoñen unha nova hipótese que describe unha forte conectividade entre tres capas principais —superficial, intermedia e profunda—, cuxa interacción está directamente condicionada polos episodios de afloramento. Durante estes eventos, establécese un sistema de circulación vertical que cambia de sentido segundo as condicións oceanográficas, funcionando de maneira semellante a unha cinta transportadora que move organismos entre capas.

Esta publicación deriva da tese de doutoramento de Esther Velasco Senovilla, dirixida por Enrique Nogueira, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, e defendida na Universidade de Vigo en xuño de 2025 no marco do Programa de Doutoramento en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión, DoMAR.

As observacións proveñen das mostras específicas deseñadas no marco do proxecto Remedios, coordinado pola investigadora do CIM Beatriz Mouriño, e que incluíron un seguimento semanal estacional e no que se inscribiu o contrato predoutoral (FPI) do que gozou Esther Velasco.

Un reservorio ou “banco de sementes” de especies 

Durante a primavera e o verán, o aumento da radiación solar favorece a estratificación da columna de auga. Nestas condicións, establécese entre a ría e as augas de mar aberto (plataforma costeira) unha circulación en dúas capas forzada polo vento: unha superficial e outra de fondo, que circulan en direccións opostas e están separadas por unha capa intermedia con características propias. Cada vez que hai cambios na dirección dos ventos dominantes, e polo tanto na dirección da circulación, altérase o fráxil equilibrio dinámico previo entre especies, o que pode dar lugar a unha nova sucesión.

Un dos achados é o papel da capa intermedia, onde se forma un máximo subsuperficial de clorofila que actúa como un reservorio ou “banco de sementes” de especies. Dende esta zona, as especies poden ser transportadas tanto cara á superficie como cara ao fondo, favorecendo o intercambio continuo entre comunidades. Por este motivo, os ecoloxistas identifican esta capa intermedia como unha capa ‘hub’, é dicir, un punto central de conexión que regula a distribución e sucesión das especies en toda a columna de auga.

“A variación espazo-temporal das comunidades de fitoplancto e das estratexias adaptativas das especies que as integran é esencial para comprender o funcionamento dos ecosistemas mariños e anticipar os cambios nos bens e servizos que prestan á sociedade, especialmente nun contexto de fitoplancto tóxico, cambio climático, sobreexplotación de recursos e contaminación”, explica a autora deste traballo. “Noutras palabras, trátase de anticipar que especies poden ser as gañadoras e cales as perdedoras na dinámica competitiva de axuste ás condicións ambientais cambiantes”, sinala Velasco.