DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da sinatura dun acordo que lles permitirá ampliar as súas parcerías conxuntas

O CIM consolida os seus lazos de colaboración co Instituto de Problemas de Criobioloxía e Criomedicina de Ucraína

Estefanía Paredes, da UVigo, nomeada profesora asociada á Cátedra Unesco con sede nesa institución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 15/07/2021

Tras varios anos de estreita colaboración, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e o Instituto de Problemas de Criobioloxía e Criomedicina de Ucraína (IPC&C) consolidan as súas parcerías a través dun acordo de colaboración que lles permitirá seguir avanzando na investigación e formación nesta rama da bioloxía que estuda os efectos das baixas temperaturas nos seres vivos e que pode desempeñar un papel crucial como Arca de Noé do século XXI, ofrecendo a oportunidade de preservar e reproducir a biodiversidade na Terra, como explican os investigadores do IPC&C.

Tanto o CIM-UVigo como o IPC&C NAS de Ucraína teñen unha ampla traxectoria e recoñecemento internacional neste campo de estudo e, grazas á sinatura deste acordo de colaboración, poderán potenciar as súas respectivas liñas de investigación e abrir outras novas. Ademais, o traballo conxunto que ambas institucións veñen desenvolvendo nos últimos meses, trouxo consigo outra boa nova, o nomeamento de Estefanía Paredes, investigadora de Ecoloxía Costeira (EZ1-EcoCost) e investigadora Juan de la Cierva, como profesora asociada á Cátedra Unesco en Criobioloxía con sede no Instituto de Problemas de Criobioloxía e Criomedicina.

Unha oportunidade de internacionalización

Estefanía Paredes explica que existe unha colaboración entres ambas institucións dende hai dous anos, que agora se plasma nun acordo. Neste tempo, explica, “forxouse un vínculo de investigación no campo da criobioloxía” que permitiu que fluísen “novas ideas e oportunidades de I+D” entre o Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo e o Instituto de Problemas de Criobioloxía e Criomedicina da Academia Nacional de Ciencias de Ucraína. Para o CIM, esta colaboración “é unha oportunidade enorme de internacionalización, de abrir novas opcións para os nosos estudantes e investigadores de interactuar con especialistas da cátedra Unesco de Criobioloxía, de ver como se investiga noutros modelos biolóxicos non mariños, etc.” Por outra banda, explica a investigadora da UVigo, “nós somos un referente a nivel mundial sobre criobioloxía de organismos mariños” e para o instituto ucraíno este feito “ábrelles unha porta a poder investigar en temas mariños en colaboración con nós, usando organismos modelo diferentes”. En resumo, recalca Paredes, “é unha oportunidade moi boa para ambas institucións que son internacionalmente coñecidas polo seu traballo en criobioloxía para unir forzas”. 

Nomeamento como profesora asociada á Cátedra Unesco

Entre os moitos lazos que unen o CIM co Instituto de Problemas de Criobioloxía e Criomedicina está a Cátedra Unesco de Criobioloxía, da que a investigadora Estefanía Paredes foi nomeada profesora asociada neste 2021. Este organismo, que ten a súa sede no instituto ucraíno, está dirixido por Anatoliy M. Goltsev e forma parte dunha rede de cátedras Unesco que teñen como finalidade promover a cooperación inter-institucional e o networking dos investigadores en diferentes eidos do coñecemento. Pareces recoñece que este nomeamento é “unha honra, un recoñecemento ao esforzo que realicei estes anos dentro do CIM para ensinar a estudantes de grao ou mestrado, acoller estudantes de doutoramento e  investigadores internacionais e colaborar con eles no desenvolvemento de protocolos de criopreservación dende o grupo Ecocost”. Neste sentido, destaca que “poder combinar os puntos fortes e o coñecemento de diferentes investigadores e institucións é moi positivo para o futuro da criobioloxía, xa que é unha ciencia interdisciplinar por definición e poder colaborar de forma máis estreira cos investigadores da cátedra vaino potenciar de forma significativa, xa que a investigación que poderemos facer a partir de agora será aínda mellor”.

Estudos sobre a solla

Outra das liñas de colaboración que estableceron o CIM e o instituto ucraíno xorde do traballo de investigación de Anton Puhovkin, que gañou un transnational access project dentro do Proxecto H2020 Assemble Plus. O seu destino era a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, onde ía investigar sobre a criopreservación de esperma da solla, pero por mor da pandemia, foille imposible viaxar a Vigo antes de que iniciase unha expedición que tiña prevista á Antártida, polo que os traballos tiveron que desenvolverse en remoto. Así, a estudante Sara Campos e Estefanía Paredes realizaron os experimentos baixo a dirección de Puhovkin, “reunímonos para o tratamento de datos hai dúas semanas e os resultados están sendo moi interesantes”, tanto que se plasmarán nunha publicación conxunta de ambas institucións.

Programa de intercambio

Para ampliar esta colaboración entre ambas institucións, tamén se porá en marcha un proxecto Erasmus K107 de mobilidade que xa teñen concedido e que permitirá o intercambio de estudantes de posgrao especializados en temas de criobioloxía entre a UVigo e o instituto de Ucraína ao longo do curso 2021/2022.