DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun traballo liderado polo IEO-CSIC no que colaborou o investigador Alejandro de Carlos

O CIM contribúe á identificación xenética de dúas novas especies de peixe globo en augas galegas

O estudo confirma a expansión cara ao norte de exemplares típicos de augas tropicais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HR
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 13/03/2026

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo participou nun traballo liderado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) que documenta dous novos rexistros de peixes globo en augas galegas e alerta sobre a tropicalización do mar. 

O estudo, no que tamén colaborou o Grupo para o Estudo do Medio Mariño (GEMM) e o Aquarium Finisterrae, revisa por primeira vez a diversidade de peixes da orde Tetraodontiformes en España (un grupo que inclúe peixes globo, peixes lúa e peixes porco) e confirma a expansión cara o norte de especies típicas de augas tropicais debido ao quecemento do océano e á progresiva tropicalización dos ecosistemas mariños.

A investigación, que acaba de ser publicada na revista Fishes, analiza a distribución destas especies nas augas españolas e describe novos rexistros en Galicia do tamboril verde (Sphoeroides pachygaster) e o tamboril de terra (Ephippion guttifer), dous peixes globo pouco frecuentes nesta zona. Os exemplares capturáronse fronte á Costa da Vela en 2021 e na ría de Pontevedra en 2025, respectivamente.

O papel do CIM na identificación xenética

O CIM, a través do investigador Alejandro de Carlos, colaborou nesta investigación realizando a confirmación xenética dos exemplares mediante 'DNA barcoding'. “Trátase dunha técnica molecular que permite identificar especies biolóxicas a partir da análise da secuencia curta e estandarizada do seu ADN. Funciona de xeito similar aos códigos de barras dun supermercado: cada especie ten a súa ‘sinatura’ xenética única nun fragmento específico do seu xenoma que permite distinguila das demais”, explica o investigador do CIM.

Grazas a esta metodoloxía, puido corroborarse a identificación taxonómica inicial realizada polo persoal do IEO mediante análises morfolóxicas dos exemplares. Segundo Alejandro de Carlos, “hoxe en día practícase o que se coñece como taxonomía integradora, de maneira que un espécime identifícase con maior certeza combinando datos de distintas disciplinas, como neste caso a morfoloxía e o ADN. A incorporación das técnicas moleculares contribuíu a mellorar substancialmente as asignacións taxonómicas e, tamén en ictioloxía, constitúe unha ferramenta indispensable”, detalla.

Implicacións e seguimento

Algunhas especies de peixe globo conteñen toxinas como a tetrodotoxina, unha das neurotoxinas naturais máis potentes coñecidas. Aínda que o risco en España é baixo, xa que estas especies non se comercializan e a súa venta está prohibida na Unión Europea, o traballo advirte de que o aumento da súa presenza fai necesario reforzar o seguimento científico e a identificación de especies potencialmente tóxicas. Para iso, realizouse unha revisión da presenza de tetrodotoxinas neurotóxicas e toxinas paralizantes en cada unha das especies listadas, o que proporciona unha visión xeral actualizada dun campo pouco explorado en augas europeas.

O estudo inclúe ademais unha revisión exhaustiva de todas as especies da orde Tetraodontiformes rexistradas en augas españolas, compilando información histórica e actualizada. Ata a data documentáronse 26 especies pertencentes a cinco familias no conxunto do territorio español, distribuídas en 22 especies nas illas Canarias e 15 especies na península ibérica e Baleares.

“A presenza crecente de peixes tetraodontiformes en augas españolas proporciona unha proba máis da progresiva tropicalización do medio mariño español. Coñecer a composición, a distribución xeográfica e a toxicidade potencial das especies é importante para a súa detección precoz e alertar á poboación sobre os riscos. Deste xeito, pódense previr problemas de seguridade alimentaria con consecuencias potencialmente graves derivadas do seu consumo accidental”, sinala Rafael Bañón, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e primeiro autor do estudo.