A análise xenética de Alejandro de Carlos confirmou a identidade dos exemplares
O CIM contribúe a identificar por primeira vez lachas en augas galegas
O estudo, liderado desde o IEO-CSIC, achega evidencias da tropicalización do Atlántico nororiental
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, a través do investigador Alejandro de Carlos, colaborou nunha investigación liderada polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) que permitiu documentar por primeira vez en augas galegas a presenza de cinco exemplares de lacha (Sardinella aurita), unha especie de peixe de afinidade tropical cuxa aparición no noroeste peninsular achega novas evidencias sobre os cambios na distribución das especies mariñas no Atlántico nororiental.
A contribución do CIM centrouse na identificación molecular dos exemplares mediante a técnica de código de barras de ADN (DNA barcoding), unha ferramenta que permite identificar especies a partir da análise de secuencias xenéticas e que, combinada co estudo das súas características morfolóxicas, proporciona unha maior solidez á identificación taxonómica.
En concreto, Alejandro de Carlos encargouse de obter o código de barras de ADN das mostras para realizar a identificación molecular dos exemplares, comparando as súas secuencias do xene mitocondrial COI coas de exemplares de referencia depositados en bases de datos. Segundo o investigador, “esta identificación complementa a que se leva a cabo mediante o exame dos caracteres morfolóxicos. Esta combinación de técnicas de identificación denomínase taxonomía integradora e resulta especialmente relevante para confirmar a identidade de especies detectadas fóra das súas áreas de distribución habituais”.
En relación coa súa participación no traballo, Alejandro de Carlos sinalou que “se trata de poñer ao servizo dos zoólogos, en xeral, e dos ictiólogos, en particular, un conxunto de procedementos moleculares cos que non están completamente familiarizados, pero que permiten identificar especies animais”. Neste senso, indicou que na actualidade, o emprego de secuencias de ADN como criterio adicional nos procedementos de identificación taxonómica “é unha práctica necesaria”.
Os resultados do traballo, publicados recentemente na revista científica Cybium, constitúen unha nova evidencia dos cambios que están experimentando as comunidades mariñas do Atlántico ibérico e reforzan a hipótese dun progresivo proceso de tropicalización das costas do noroeste peninsular.
Unha especie tropical que amplía a súa distribución cara ao norte
O estudo documenta por primeira vez a presenza de cinco exemplares de lacha (Sardinella aurita) en augas de Galicia, capturados a principios de 2026 mediante redes de cerco no norte da comunidade.
Ademais de constituír o primeiro rexistro da especie en Galicia, o achado supón unha ampliación cara ao norte do seu límite de distribución coñecido no Atlántico oriental. A presenza da lacha podería ter implicacións ecolóxicas e pesqueiras, xa que se trata dunha especie que comparte recursos alimentarios e espazo coa poboación de sardiña autóctona. Un eventual incremento da súa abundancia podería intensificar a competencia entre ambas as dúas especies e afectar ás pesqueiras locais, tendo en conta, ademais, que a lacha presenta un valor comercial inferior ao da sardiña.
“A recente tropicalización da costa noroeste ibérica, xunto coa crecente presenza de peixes de afinidade tropical en augas galegas, pon de manifesto a necesidade de documentar e avaliar os novos rexistros de distribución na rexión”, explica Rafael Bañón, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e primeiro autor do estudo.
Segundo Bañón, a lacha, como especie peláxica de pequeno tamaño cuxa abundancia e distribución responden rapidamente á variabilidade ambiental, pode constituír un indicador útil dos cambios ecosistémicos que se están a producir no Atlántico nororiental.
“A medida que se acumulan evidencias en múltiples grupos taxonómicos, o noroeste da península ibérica estase a converter nunha rexión sentinela para comprender como responden as especies mariñas ás condicións cambiantes”, explicou Bruno Almón, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo. Neste contexto, observacións individuais como as recollidas proporcionan información valiosa sobre os mecanismos e as consecuencias do cambio bioxeográfico en curso.
O ADN complementa a identificación das especies
A investigación pon de manifesto a importancia da colaboración entre institucións científicas e da integración de diferentes metodoloxías para mellorar o coñecemento da biodiversidade mariña. Neste contexto, a achega do CIM exemplifica o valor das ferramentas moleculares como complemento da taxonomía tradicional, especialmente na identificación de especies cuxa presenza resulta pouco habitual nunha determinada rexión.
Así mesmo, os exemplares estudados foron obtidos grazas á colaboración co sector pesqueiro, o que evidencia a importancia da súa participación na detección de cambios no medio mariño.
