DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O experimento conta co apoio do proxecto Imagine e as actividades de bioloxía planetaria do EMBL

O CIM e o laboratorio europeo de ciencias da vida EMBL alíanse para estudar como frear as mareas vermellas e anticipar os efectos das ondas de calor no océano

A acción desenvolverase na Ecimat e participarán arredor de 40 investigadores e investigadoras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Internacional
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 27/06/2025

O proxecto Cellbloom, impulsado polo grupo de Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e o European Molecular Biology Laboratory (EMBL), cuxa sede central está en Alemaña, busca entender como responderá o océano a dous fenómenos cada vez máis frecuentes e preocupantes: as proliferacións de microalgas tóxicas que dan lugar a fenómenos coñecidos como as mareas vermellas e as ondas de calor. Esta iniciativa enmárcase no proxecto de Horizonte Europa Imagine, que promove o desenvolvemento de tecnoloxías de imaxe punteiras en microscopía que permitan reducir a brecha entre a bioloxía molecular e a bioloxía funcional, así como polo EMBL, no marco do seu eixe transversal de Bioloxía Planetaria.

Trátase dunha colaboración científica de alto nivel que combina coñecemento, tecnoloxías punteiras e o Laboratorio Móbil Avanzado (AML polas súas siglas en inglés) do EMBL que chegou este venres a Vigo para traballar de xeito conxunto co equipo do CIM, representando un claro exemplo de cooperación científica europea.

Dous experimentos, un obxectivo común: entender mellor o cambio global no océano

Durante o mes de xullo, e con base na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, principal infraestrutura de investigación do CIM, levarán a cabo dous experimentos en paralelo que permitirán avanzar no coñecemento científico sobre estes procesos, cun enfoque claramente colaborativo e europeo.

O primeiro dos experimentos estudará se os compostos que desprende a planta mariña Zostera mariña poden contribuír a frear o crecemento das microalgas tóxicas responsables das mareas vermellas en condicións naturais. O segundo consistirá en simular unha onda de calor mariña para avaliar o impacto dese aumento de temperatura no plancto microbiano con especial atención ás especies clave de fitoplancto presentes  nas augas da ría de Vigo.

Uso de infraestruturas únicas en Europa

Un dos elementos máis innovadores desta colaboración é a participación do Laboratorio Móbil Avanzado do EMBL, un camión cientificamente equipado con tecnoloxía punta, que chegou a Vigo para permitir a análise in situ das mostras tomadas na ría. Representa unha infraestrutura única deseñada para levar a investigación molecular e celular directamente ao terreo. Está equipado, entre outros, con tecnoloxía para preservar organismos para microscopía electrónica de alta resolución e sistemas avanzados de análises, que permitirán observar con gran detalle como reaccionan os microorganismos ante distintos estímulos.

Ademais, os experimentos desenvolveranse no mesocosmos da Ecimat, unha instalación singular a nivel europeo que permite simular condicións naturais de forma controlada, o que resulta clave para avaliar de maneira precisa os efectos do cambio climático e das mareas vermellas no ecosistema mariño.

Ciencia colaborativa con impacto local

Preto de 40 investigadoras e investigadores participarán nesta iniciativa, incluíndo persoal do EMBL e do CIM, así como científicos e científicas do Biology Centre da Academia Checa de Ciencias, do Centre National da Recherche Scientifique (CNRS) de Francia e da Universidade do Minho. Ademais de avanzar no coñecemento científico, o proxecto representa unha experiencia enriquecedora de intercambio de ideas, métodos e tecnoloxías entre institucións europeas punteiras.

Este tipo de estudos ten un impacto social directo: as mareas vermellas afectan á seguridade alimentaria, á saúde pública e ao sector marisqueiro, mentres que as ondas de calor alteran a estrutura e o funcionamento dos ecosistemas mariños. Por iso, estes experimentos responden a preguntas que están hoxe no centro do debate ambiental e económico.

Tal e como explica o responsable desta iniciativa no CIM e investigador principal do grupo de Oceanografía Biolóxica, Emilio Fernández, "estes experimentos son un exemplo de como a confluencia de aproximacións metodolóxicas moi distintas orientadas cara a un mesmo fin vai permitir un avance no coñecemento destes problemas ambientais que ningún dos equipos participantes poderían alcanzar nin no máis atrevido dos seus soños”.

Pola súa banda, o director do Servizo do Laboratorio Móbil Avanzado do EMBL, Niko Leisch, destaca que “o proxecto Cellbloom é unha oportunidade única para todos os que estamos involucrados. Combinamos a fascinante bioloxía da proliferación de microalgas que ocorren de forma natural na ría de Vigo, coas condicións altamente controladas que proporciona a Ecimat, e as tecnoloxías avanzadas que achega o EMBL, para así poder estudar os organismos, a súa reacción aos cambios nas condicións, as súas interaccións e o seu comportamento con todo detalle”.

A campaña experimental incluirá unha visita oficial destinada a medios de comunicación, na que se ofrecerán detalles sobre os experimentos e a colaboración científica desenvolvida.

Un proxecto para fortalecer a competitividade científica europea

O proxecto Cellbloom está parcialmente financiado polo proxecto Imagine, que reúne a 22 socios de distintos países europeos, incluíndo centros de investigación, universidades e empresas. O seu obxectivo é reforzar a competitividade científica de Europa nos ámbitos da bioloxía estrutural, a imaxe aplicada á bioloxía e á bioloxía mariña, mediante o desenvolvemento de novas tecnoloxías de imaxe, produtos comerciais e mesmo spin-offs. Ademais, promove a integración de servizos, a formación de investigadores e a colaboración co tecido industrial, fomentando un modelo de ciencia aberta e innovación. O CIM participa en Imaxine a través da súa pertenza á infraestrutura europea EMBRC-ERIC, actuando como centro de referencia para testar en condicións reais algunhas das tecnoloxías desenvolvidas no marco do proxecto. Esta colaboración sitúa ao CIM como un actor clave no avance da bioloxía mariña a nivel europeo.

Doutra banda, o proxecto Cellbloom é tamén parte das actividades do EMBL dentro do seu eixe transversal de Bioloxía Planetaria, que promove iniciativas multidisciplinares que axuden a entender a nivel molecular e mecánico como os organismos, poboacións e comunidades responden a súa contorna biótica e abiótica. 

 

Dossier de prensa  e fotografías sobre o proxecto