Trátase dunha iniciativa impulsada pola Comisión Europea e coordinada pola Unesco
O CIM lidera a creación da Rede Galega de Escolas Azuis para implicar os centros educativos na alfabetización oceánica
Presentouse hoxe no CEIP Ría de Vigo, que tamén inaugurou un laboratorio de experimentación
O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) está a liderar a creación dun consorcio galego de ‘escolas azuis’ para aqueles centros educativos que integran a alfabetización oceánica nas súas actividades educativas mediante proxectos vinculados ao mar. Esta proposta artéllase implicando estes centros na Network of European Blue Schools (NEBS), unha iniciativa promovida pola Comisión Europea no marco da súa coalición EU4Ocean, e coordinada pola EMSEA (European Marine Science Educators Association).
Esta certificación forma parte dos esforzos europeos e internacionais para dar cumprimento aos obxectivos da Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible (2021–2030), proclamada pola ONU e liderada pola Unesco, que busca impulsar unha nova relación entre a sociedade e o océano. Neste contexto, a alfabetización oceánica —a comprensión da influencia que o océano exerce sobre nós e da influencia que temos nós sobre o océano— convértese nunha ferramenta fundamental para construír unha cidadanía activa e informada. A través da Rede Galega de Escolas Azuis, o CIM traballa para introducir estes principios no sistema educativo, promovendo un cambio real nos currículos e contribuíndo á formación de novas xeracións máis conscientes, críticas e comprometidas coa sustentabilidade mariña.
A nivel estatal, actualmente hai 164 Escolas Azuis certificadas, das cales seis están situadas en Galicia. A presentación da rede galega tivo lugar no CEIP Ría de Vigo, un centro xa embarcado no proceso de certificación, que aproveitou a ocasión para inaugurar un novo laboratorio de ciencias ambientais e organizar unha feira científica aberta a toda a comunidade escolar. Durante o acto, no que participou o investigador do CIM e coordinador da rede, Andreu Blanco, déronse a coñecer proxectos exemplares como o Proxecto Mar do CEIP Sabarís ou o RiaMarLab do propio CEIP Ría de Vigo, que funcionan como modelos inspiradores para outros centros.
Unha rede para xerar sinerxías
O CIM promove a creación desta rede como unha acción estratéxica para incrementar a participación, facilitar a colaboración entre centros e proporcionar apoio técnico, recursos didácticos e acceso a posibles fontes de financiamento europeo. Segundo explica Andreu Blanco, investigador do CIM e coordinador desta iniciativa, “a Rede Galega de Escolas Azuis permitirá crear sinerxías entre centros, facilitando a súa adhesión á rede europea, o deseño de proxectos mariños e o acceso a ferramentas, formación e financiamento”. O científico tamén subliña a importancia da metodoloxía learning by doing, porque “a inmersión sensorial e a experimentación directa permiten un mellor recoñecemento dos conceptos e unha maior conciencia sobre a relevancia dos ecosistemas acuáticos na vida e no equilibrio do planeta”.
Para o director do CIM, Daniel Rey, “esta iniciativa exemplifica a nosa aposta por tender pontes entre o coñecemento científico e a sociedade, promovendo desde as aulas unha maior conciencia sobre os océanos e implicando ás novas xeracións na súa protección. O futuro do planeta tamén se constrúe na escola e o CIM quere ser parte activa dese proceso”.
A importancia da inmersión sensorial e a experimentación
O laboratorio inaugurado permitirá ao alumnado realizar análises de biodiversidade en ecosistemas locais, tanto fluviais como mariños, consolidando o enfoque de aprendizaxe experimental e sensorial. A feira científica contou con actividades divulgativas dirixidas por persoal investigador do CIM, nas que o alumnado puido presentar os seus propios miniproxectos e coñecer de preto o traballo das ciencias mariñas. Á xornada tamén asistiron representantes das entidades que forman parte da rede como o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), a Autoridade Portuaria de Vigo, Fundación para a pesca e o marisqueo (Fundamar),13 Grados ou NorthWind.