Mediante o aproveitamento de residuos de macroalgas que normalmente se descartan
O CIM lidera un innovador proxecto europeo co que se busca revolucionar a produción de pensos para acuicultura
Desenvolverán un ingrediente alternativo e nutritivo para a alimentación de especies como a robaliza
O grupo de Fisioloxía de Peixes (PhysToFish) do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, dirixido polo catedrático José Luis Soengas, lidera un innovador proxecto europeo co que se buscará revolucionar a produción de pensos para acuicultura mediante procesos biotecnolóxicos innovadores, substituíndo as proteínas vexetais por proteínas obtidas de fungos unicelulares mediante a súa fermentación con residuos de macroalgas. O traballo foi seleccionado para financiamento – coa cantidade de 1,23 millóns de euros- dentro da área Blue Bio Resources da prestixiosa convocatoria Sustainable Blue Economy Partnership (SBEP), vinculada ao programa Horizonte Europa da UE, que apoia a economía azul sostible. Tras unha rigorosa avaliación internacional, esta proposta, bautizada como AlFunFeed, é a única seleccionada que está liderada por un grupo de investigación español.
O consorcio conta tamén coa participación da empresa galega de biotecnoloxia ODS Protein, representada por Iria Varela, e outros tres grupos de investigación procedentes da Università Politecnica delle Marche (Italia), con Ike Olivotto á cabeza; do centro CIIMAR (Portugal), a través de Benjamin Costas; e da Universidade de Tesalia (Grecia) baixo a dirección de Kostas Kormas. Ademais, cóntase tamén coa colaboración da Federación italiana de pesca e acuicultura (Federpesca), representando á sociedade, e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia como representantes da administración.
Dietas experimentais para a robaliza extrapolables a outras especies
Entre todos tratarán de desenvolver dietas experimentais para a robaliza (Dicentrarchus labrax), avaliando o seu impacto na alimentación, o sistema dixestivo, o seu valor nutricional, o efecto sobre a microbiota, a resposta inmune e o benestar animal. A maiores, tamén se analizará o impacto ambiental e económico desta nova fonte proteica, aliñándose cos obxectivos de sostibilidade da Década das Ciencias Oceánicas da ONU.
Esta innovadora investigación busca pois mellorar a sustentabilidade do sector acuícola mediante a redución nos pensos para acuicultura do uso de ingredientes de maior pegada de carbono como as proteínas de orixe vexetal, tipo soia, obtidas de monocultivos en grandes extensións de terreo.
En particular, AlFunFeed aposta por un modelo de economía circular ao reutilizar descartes de macroalgas na produción destas proteínas, ofrecendo un ingrediente alternativo e nutritivo para a alimentación de especies carnívoras como a robaliza europea, de gran relevancia comercial, que serán extrapolables para outras especies de peixes relevantes en acuicultura como o rodaballo, a dourada, o salmón, etc.
O investigador do CIM e líder do proxecto, José Luis Soengas, explica que “na acuicultura un dos principais retos está na sustentabilidade dos ingredientes que se utilizan para elaborar os pensos. O noso proxecto parte dunha idea innovadora: aproveitar residuos de macroalgas —que normalmente se descartan— como substrato para cultivar fungos filamentosos e obter deles proteína unicelular. Esta proteína será o ingrediente que avaliaremos como alternativa na alimentación de peixes”.
Enfoque innovador para unha acuicultura máis sostible
A avaliación do SBEP destacou a calidade científica e metodolóxica do proxecto, así como o seu potencial impacto na sustentabilidade da acuicultura. Ademais, resaltou o enfoque multidisciplinar do consorcio, que involucra a investigadores de diversas institucións académicas, a industria e entidades ambientais e gobernamentais de toda Europa. “É a primeira vez que se propón o uso destas proteínas en acuicultura empregando algas como substrato para a súa obtención”, explica Soengas, insistindo en que se trata “dunha proposta completamente nova, xurdida desde o CIM, e nunha convocatoria europea altamente competitiva”.
A coordinación do proxecto por parte dun dos grupos do CIM reforza a presenza deste centro de investigación da Universidade de Vigo en iniciativas europeas de alto nivel e fortalece a súa posición no liderado de proxectos de investigación aplicada ao sector mariño, o que reafirma o seu papel como referente en investigación mariña e o seu compromiso co desenvolvemento de solucións innovadoras para unha economía azul sostible.
Ata agosto de 2028
Aprobada na convocatoria do Sustainable Blue Economy Partnership (SBEP), a proposta está pendente de recibir o financiamento por parte dos organismos nacionais delegados, concretamente no caso dos socios españois, a Agencia Estatal de Investigación (AEI) e o Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI). A previsión é que o proxecto arranque o vindeiro mes de setembro e dure tres anos -ata agosto de 2028-.
“O primeiro será adaptar a tecnoloxía existente da fermentación dos fungos unicelulares para que se poidan empregar algas como substrato. Esta parte será a que desenvolva a empresa do consorcio (ODS Protein). A partires de aí, “encargarémonos de estudar se esta nova proteína se axusta ás necesidades dos peixes”, explica Soengas.
Desde o punto de vista dos seus impulsoares, os resultados do proxecto AlFunFeed poderían transformar o sector da acuicultura ao introducir unha fonte de proteína máis sostible e eficiente en comparación cos ingredientes proteicos de orixe vexetal de uso rutineiro hoxe en día pola industria de pensos. O uso de proteína unicelular derivada de fungos cultivados en residuos de macroalgas permitiría substituír as proteínas vexetais nos pensos comerciais, reducindo a competencia con cultivos destinados á alimentación humana. Ademais, esta alternativa contribuiría a diminuír a pegada de carbono do proceso, mellorar a saúde e o benestar dos peixes e garantir unha maior estabilidade na subministración de ingredientes, ao prescindir de recursos estacionais ou extractivos.