DUVI

Diario da Universidade de Vigo

MytSeed conta cun orzamento de máis de 215.000 euros e desenvolverase ata mediados de 2028

O CIM lidera un proxecto para producir mexilla mellorada en criadeiro e garantir o futuro do sector en Galicia

Supón unha alternativa fronte á escaseza de semente silvestre rexistrada nos últimos anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 07/07/2026

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lidera o proxecto MytSeed, unha iniciativa de investigación estratéxica para garantir a sostibilidade da acuicultura do mexillón, un sector de gran relevancia en Galicia e en España. A finalidade é desenvolver métodos innovadores para a produción de semente de mexillón en criadeiro, unha alternativa fronte á escaseza de semente silvestre rexistrada nos últimos anos, agravada polos efectos do cambio climático. Ademais, MytSeed afondará no coñecemento dos factores que inflúen na súa fixación e crecemento nas bateas. 

A limitada dispoñibilidade de mexilla supón unha ameaza para a estabilidade da produción e para a competitividade dun sector esencial para a economía e o emprego nas zonas costeiras de Galicia. Tanto é así, que a comunidade galega é responsable de preto da metade da produción de mexillón da Unión Europea. Para dar resposta a este desafío, MytSeed adopta un enfoque interdisciplinar que integra xenética, bioloxía, oceanografía e física, combinando ferramentas de mellora xenética coa análise das condicións ambientais nas bateas.

O proxecto exemplifica a colaboración transversal entre distintos grupos e áreas do CIM, coa coordinación de Moncho Gesteira, do grupo Ephyslab, e Ángel Pérez Diz, do grupo XB2, como investigadores principais, e coa participación de Paloma Morán e Juan Pasantes, ambos do grupo XB2, reforzando o carácter multidisciplinar e cooperativo do centro. MytSeed está financiado pola convocatoria de Proyectos de Generación de Conocimiento 2024 do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, cun orzamento de 215.655 euros, e executarase ata o 31 de agosto de 2028.

Mellora xenética para unha acuicultura máis eficiente e resiliente

Un dos eixes centrais do proxecto é o desenvolvemento de programas de mellora xenética centrados en caracteres de alto valor comercial e produtivo, como a supervivencia, o crecemento, a cor da carne e a forza do biso, o que se coñece popularmente como as barbas do mexillón. A través de estudos de herdabilidade e análises xenómicas a grande escala, o equipo investigador traballará na identificación de marcadores xenéticos asociados a estes caracteres, co obxectivo de producir semente mellorada en criadeiro que poida ser cultivada posteriormente no medio natural. “A produción de liñas de mexillón xeneticamente seleccionadas permitirá aumentar o rendemento e garantir caracteres máis homoxéneos que respondan ás demandas do mercado, simplificando as prácticas de cultivo”, explica Ángel Pérez Diz.

Métodos máis sostibles

O proxecto tamén afondará no coñecemento dos factores ambientais que inflúen na captación de semente silvestre, especialmente a través dos sistemas tradicionais de cordas colectoras empregados nas bateas galegas. O estudo da fixación, o desprendemento, o crecemento e a calidade da semente permitirá avanzar cara a un equilibrio máis sostible entre a produción acuícola e a conservación dos ecosistemas mariños. Neste contexto, MytSeed contribuirá a reducir o impacto de métodos alternativos de captación de semente, como o raspado de superficies rochosas en zonas intermareais, unha práctica que pode alterar os ecosistemas locais.

Ademais, avaliarase se a semente de mexillón producida en criadeiro mediante mellora xenética é capaz de crecer con éxito no medio natural mantendo as características desexadas. “O obxectivo é garantir que estes exemplares conserven os seus fenotipos sen verse afectados pola mestura ou ‘contaminación’ con semente non seleccionada ou silvestre, un aspecto primordial tendo en conta o elevado investimento que require a acuicultura en instalacións pechadas”, detalla Pérez Diz.

Estudos coa batea experimental monitorizada

O proxecto incorpora tamén ferramentas avanzadas de modelado hidrodinámico para simular a dinámica das bateas e analizar como variables como o fluxo de auga, a temperatura, a salinidade ou a dispoñibilidade de alimento inflúen no crecemento e na supervivencia dos mexillóns. Estes estudos realízanse en condicións reais de cultivo, empregando a batea experimental monitorizada do CIM.

“A análise conxunta dos factores xenéticos e ambientais permitirá avaliar a estabilidade dos caracteres mellorados e optimizar tanto a fixación da semente como o rendemento final do cultivo. Ademais, facilitará a adaptación ao mexillón de metodoloxías xa consolidadas noutras especies de bivalvos, como ameixas e ostras, mellorando a xestión do cultivo e a eficiencia produtiva”, explica o investigador da UVigo.

Impacto social e económico e unha futura spin-off

Desde o punto de vista económico, o desenvolvemento dunha produción de semente fiable, escalable e adaptada ás necesidades do sector permitirá estabilizar a produción, reducir custos e mellorar a competitividade da acuicultura do mexillón. A produción de semente de alta calidade e homoxénea en criadeiro facilitará unha xestión máis previsible e eficiente dos cultivos, reducindo perdas, tempos de clasificación e xeración de residuos e beneficiando tanto os produtores como as industrias asociadas, como a conserveira.

No ámbito social, o proxecto reforza a resiliencia do sector fronte ao cambio climático, contribúe á seguridade alimentaria e xera novas oportunidades de emprego nas zonas costeiras. Ao garantir cadeas de subministración máis estables, MytSeed ofrece un modelo viable e sostible para o futuro da acuicultura do mexillón, un sector no que España lidera a produción a nivel europeo.

Finalmente, os resultados científicos e tecnolóxicos do proxecto sentarán as bases para o impulso dunha spin-off, actualmente en fase de constitución, dedicada á produción de semente de mexillón en criadeiro, co obxectivo de transferir o coñecemento xerado ao tecido produtivo e ofrecer solucións reais e aplicables á industria acuícola.