DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado con 2,1 millóns de euros do programa Interreg Atlantic Area

O CIM participa no proxecto europeo DigiATLA que impulsará a dixitalización da acuicultura atlántica

O obxectivo é incrementar a sostibilidade do sector e apostar pola nutrición de precisión

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 04/02/2026

A dixitalización como instrumento para a innovación da industria acuícola atlántica. Esta é a esencia de DigiATLA, un proxecto europeo no que participa o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e que esta semana celebrou en Portugal a súa xuntanza inaugural. 

Building Digital Capacity for Innovation in Atlantic Aquaculture está financiado polo programa Interreg Atlantic Area 2021–2027 e conta cun orzamento total de 2,1 millóns de euros, cofinanciado ao 75 % pola Unión Europea. O seu obxectivo é impulsar a transformación dixital da acuicultura atlántica mediante o fortalecemento de capacidades en acuicultura sostible, nutrición de precisión e adopción de tecnoloxías da Industria 4.0. Deste xeito, DigiATLA abordará retos do sector como a baixa integración dixital, as ineficiencias produtivas e o impacto ambiental, factores que limitan a competitividade e resiliencia da acuicultura.

O proxecto está liderado por S2AQUA – Laboratório Colaborativo para uma Aquacultura Sustentável e Inteligente (Portugal) e terá unha duración de 30 meses (dende xaneiro de 2026 ata xuño de 2028). A reunión de lanzamento está a celebrarse este martes e mércores en Olhão (Portugal) e nela os socios definen as liñas de traballo e coordinan as primeiras accións que se desenvolverán ao longo dos vindeiros anos.

Contribución na formación, divulgación e nos ensaios piloto

O CIM participa no proxecto a través do grupo PhystoFish, cun orzamento de trescentos mil euros, liderado polo coordinador do grupo, o catedrático José Luis Soengas, cun papel destacado no desenvolvemento de materiais formativos, sesións prácticas e ensaios piloto. En concreto, o centro contribuirá á creación de contidos de formación centrados na análise de datos, o uso de ferramentas dixitais e as técnicas de acuicultura de precisión.

No marco dos ensaios piloto do proxecto, o grupo PhystoFish do CIM participará en estudos con dourada (Sparus aurata) e salmón atlántico (Salmo salar), analizando a expresión xénica relacionada coa regulación da inxesta de alimento. Estes traballos permitirán avaliar as respostas biolóxicas dos peixes fronte a diferentes estratexias de alimentación e condicións ambientais, xerando datos para optimizar as prácticas acuícolas e avanzar cara a unha produción máis eficiente e sostible. Ademais, o CIM organizará sesións anuais de formación e workshops e colaborará activamente nas accións de divulgación e sensibilización do proxecto, difundindo os resultados científicos e promovendo a transformación dixital no sector acuícola.

Como detalla José Luis Soengas, “o proxecto DigiATLA impulsa a modernización da acuicultura atlántica mediante a aposta pola innovación dixital e pola sostibilidade”. Trátase, engade, de “apoiar o sector na incorporación de tecnoloxías da Industria 4.0, mellorando a eficiencia dos procesos produtivos e contribuíndo á redución do impacto ambiental. A través de accións formativas, demostracións piloto e o intercambio de coñecemento entre diferentes rexións, DigiATLA fortalecerá as capacidades dos profesionais da acuicultura e promoverá un sector máis competitivo, resiliente e preparado para afrontar os desafíos actuais e futuros”.

Novas áreas de traballo e internacionalización

O grupo PhystoFish é un referente internacional no campo da investigación na regulación da alimentación de peixes e o seu impacto na acuicultura. A súa participación no proxecto DigiATLA é de gran relevancia para o grupo, xa que segundo José Luis Soengas lle “permite posicionarse como referente no ámbito da innovación dixital e da acuicultura de precisión, no que non tiñan traballado ata a data”. Ademais, a implicación en ensaios piloto, formación tanto de profesionais como estudantes e actividades de divulgación, permite a PhystoFish “consolidar a súa rede de contactos nacionais e internacionais, incrementar a visibilidade do seu traballo e contribuír activamente á transformación dixital do sector acuícola cara a unha produción máis eficiente, sostible e competitiva”.

Redución das fendas entre investigación e industria

A través da participación nesta iniciativa, o CIM contribuirá a reducir as fendas existentes entre a investigación e a industria, garantindo que as partes interesadas comprendan os beneficios das ferramentas dixitais na xestión acuícola. Desta forma, o centro reforza a súa presenza en proxectos europeos estratéxicos e a súa contribución ao desenvolvemento dunha acuicultura atlántica máis sostible, innovadora e competitiva, baseada no coñecemento científico e na cooperación transnacional.