DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entrega terá lugar na III Asemblea anual CIMentos, o 23 de outubro en Vigo

O CIM premia a Enric Gisbert, referencia mundial en acuicultura

Polas súas achegas na nutrición de peixes e o desenvolvemento dunha acuicultura máis sustentable 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 06/06/2025

Un ano máis, co gallo do Día Mundial dos Océanos, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo anuncia a concesión do seu Premio CIM, que recoñece nesta segunda edición ao investigador Enric Gisbert, responsable do Programa de Acuicultura do IRTA no centro de la Ràpita (Tarragona). O galardón destaca as súas achegas á acuicultura sustentable, especialmente no estudo da alimentación e nutrición de peixes de cultivo e o seu efecto sobre a condición e saúde xeral dos animais

“As contribucións do doutor Gisbert son unha fonte de inspiración para o noso persoal investigador. O seu liderado, capacidade de innovación e vocación de transferencia constitúen un modelo no que mirarse”, destaca director do CIM, Daniel Rey en relación coa distinción que recoñece a traxectoria dun referente internacional na investigación acuícola, “cuxa dedicación á innovación e á colaboración entre ciencia e industria representa un modelo inspirador para as xeracións actuais e futuras de investigadoras e investigadores”. 

A entrega do premio terá lugar no marco da III Asemblea anual CIMentos, que se celebrará en Vigo o 23 de outubro de 2025.

Unha carreira dedicada á innovación en acuicultura

Doutor pola Universitat de Barcelona (1999), Enric Gisbert, despois dun periplo internacional postdoutoral na Universidad de Californa (Davis) e o Ifremer de Brest, incorporouse ao IRTA en 2004 grazas a un contrato Ramón y Cajal, onde lidera un grupo de investigación centrado na nutrición de peixes e o seu impacto na saúde e condición do animal, así como no desenvolvemento de dietas funcionais en estreita colaboración co sector acuícola. A súa liña de traballo tamén se centra en comprender como as condicións de cultivo e alimentación das larvas inflúen no desenvolvemento do organismo e, en particular dos seus sistemas dixestivo e esquelético, co obxectivo de mellorar a calidade das larvas en acuicultura e promover a sostibilidade e eficacia da súa produción.

Ao longo da súa carreira, Gisbert foi investigador principal de numerosos proxectos nacionais e membro de consorcios europeos no marco dos programas FP7 e H2020 relacionados coa acuicultura. Destaca tamén como coordinador da rede iberoamericana LARVAplus, financiada pola CYTED, na que participan 19 centros de investigación e 11 empresas de nove países, centrada na promoción da acuicultura en Iberoamérica e na transferencia de coñecemento ao sector.

Ademais da súa intensa actividade científica, Gisbert conta cunha ampla traxectoria en transferencia de coñecemento ao sector produtivo, participando activamente no deseño e execución de proxectos colaborativos con empresas nacionais e internacionais para mellorar a calidade dos procesos produtivos en acuicultura, optimizar a saúde animal e incrementar a sustentabilidade do sector. A súa experiencia inclúe tamén accións formativas e de asesoramento técnico, así como a dirección de teses doutorais e traballos de investigación aplicada.

Unha traxectoria que exemplifica os valores que o Premio CIM recoñece

Enric Gisbert é membro do Grupo de Especialistas en Nutrición e Alimentación e do Grupo de Especialistas en Larvicultura da Sociedade Mundial de Acuicultura (WAS). É editor asociado das revistas científicas Frontiers in Physiology e Fish Physiology and Biochemistry, entre outras. Con máis de 240 publicacións científicas e un índice H de 44, o investigador catalán converteuse nun referente indiscutible no ámbito da acuicultura internacional. 

“A súa carreira exemplifica os valores que o Premio CIM pretende recoñecer: excelencia científica, compromiso coa sustentabilidade e impacto real sobre o medio mariño e a sociedade”, sinala o director do Centro de Investigación Mariña da UVigo, .conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e cuxa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.