DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Formado por cinco investigadores mariños recoñecidos que visitaron o campus e a Ecimat

O CIM recibe a visita dun comité avaliador externo internacional

Asesoran sobre estratexias científicas ou de internacionalización e avalían a xestión do centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • Investigación
M. Del Río DUVI 03/06/2022

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo recibiu esta semana a visita cun consello asesor externo que, durante as xornadas de onte xoves e hoxe venres, se reuniu tanto coa dirección do centro como cos responsables da varios grupos de investigación. Este comité, formado por cinco científicos mariños recoñecidos internacionalmente, ten como obxectivo asesorar o CIM sobre estratexia científica, transferencia, política internacionalización, política de infraestruturas, atracción de talento, formación, políticas de investigación e innovación responsable. Ademais, tamén teñen a encomenda de avaliar a xestión económica, o cumprimento informes periódicos, o desempeño da dirección e tamén do desempeño grupos de investigación.

Onte xoves reuníronse co director do CIM, Daniel Rey e co director da Ecimat, José Manuel García, e visitaron as instalacións do CIM tanto no campus vigués como na Ecimat. Hoxe venres as xuntanzas tiveron lugar no edificio de Ciencias Experimentais, onde os cinco membros do comité foron recibidos pola vicerreitora de Investigación en funcións, Belén Rubio e o director do CIM. Posteriormente mantiveron reunións cos responsables de varios grupos de investigación, como Emilio Rolán, José Luis Soengas, Ramón Gómez, Carlos Bendicho e Elena Ojea.

Un consello asesor de recente creación

O actual Consello Asesor Externo (EAB) creouse en novembro de 2021 e toma o relevo dun equipo anterior que xa realizara en 2019 unha primeira visita de avaliación ao centro. O novo consello está formado por cinco científicos mariños recoñecidos internacionalmente. Entre eles está Juanjo Dañobeitia, investigador de Xeofísica Mariña do CSIC, que foi director da Unidade de Tecnoloxía Mariña do CSIC que xestiona a flota de buques de investigación oceanográfica e as bases de investigación antárticas. Actualmente dirixe o Observatorio Multidisciplinar Europeo do Fondo Mariño e da Columna de Auga (EMSO EIRC) en Roma. Tamén forma parte do actual consello Luísa M. P. Valente, bióloga con máis de 25 anos de experiencia en nutrición de peixes e acuicultura sostible e profesora asociada no ICBAS–Universidade do Porto, así como membro do Consello de Administración do CIIMAR e do consello da Sociedade Europea de Acuicultura. Outro dos membros é Vera Pospelova, catedrática do Departamento de Ciencias da Terra e Ambientais da Universidade de Minnesota e Senior HWK Fellow en Marine and Climate Research, que traballa no eido da taxonomía e calibración dos palinomorfos mariños como indicadores biolóxicos das condicións ambientais e nas reconstrucións paleoceanográficas e paleoclimáticas de alta resolución do Cuaternario tardío utilizando rexistros sedimentarios. Pola súa banda, Luis Valdés é director do Centro Oceanográfico de Santander e coordinador de Asuntos Internacionais do Instituto Español de Oceanografía (IEO). Conta con ampla experiencia na xestión da ciencia e desenvolveu investigacións en ecoloxía mariña e cambio climático durante máis de 35 anos e foi asesor de entidades gobernamentais, axencias de investigación e organismos internacionais. Finalmente, completa o equipo Gray Williams, director do Instituto Swire de Ciencias Mariñas e profesor da Escola de Ciencias Biolóxicas da Universidade de Hong Kong, así como profesor visitante na Universidade de Xiamen. O seu traballo céntrase na ecofisioloxía e o comportamento das especies intermareais; especialmente aquelas que habitan a zona costeira máis alta da rexión tropical do sudeste asiático.

Salvo Williams, que participou nesta primeira visita de avaliación en modalidade virtual, o resto dos membros do consello asistiron de xeito presencial co obxectivo de obter unha visión ampla da posición do CIM no seu contexto socioeconómico, considerando o rendemento e as capacidades de investigación, infraestruturas, gobernanza e Xestión, así como outras actividades relacionadas coa I+D. Esta visita traducirase nun informe de avaliación que se entregará ao CIM o vindeiro mes. 

Un contexto marcado pola pandemia e o novo programa Horizonte Europa

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo é un dos oito Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego acreditados pola Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia en xaneiro de 2020, o que o converte no elemento central da estratexia mariña do SUG. De cara a esta visita, destacan dende a súa dirección, que hai varios aspectos a ter en conta á hora de avaliar os últimos tres anos. Por unha banda a pandemia, que provocou o retraso na execución de proxectos de I+D+i, a redución de estadías e visitas internacionais de investigación, o peche temporal de centros ou a interrupción, aprazamento ou cancelación de experimento. Por outra banda, tamén coincidiu no tempo a transición do programa Marco europeo de financiamento H2020 que deixou paso ao programa Horizonte Europa 2021-2027. O retraso na publicación dalgunhas convocatorias no novo programa influíu no financiamento internacional atraído en 2021 polo CIM. 

Con todo, neste tempo o centro tamén acadou importantes éxitos na captación de fondos nacionais para infraestruturas de I+D+i, como os máis de 2 M€ para un buque de investigación oceanográfica de propulsión híbrida e un sistema IRMS para a análise de isótopos estables de osíxeno e carbono e isótopos fixos en carbonatos, entre outras infraestruturas. Neste tempo, o CIM tamén foi quen de manter o número de traballos SCI (175), teses de doutoramento presentadas (19) e máis de 3 M€ en fondos de investigación competitivos. O centro tamén conseguiu atraer novos investigadores, como a ERC Starting Grant Sara Varela, experta no eido da evolución biolóxica e a paleontoloxía no contexto do cambio climático ou Elena Ojea, especialista en adaptación das pesqueiras ao cambio climático. A chegada de ambas permitiu reforzar un eido coñecemento prioritario para o CIM como é o cambio climático, así como as áreas de especialización sobre perspectiva socioecolóxica, biodiversidade e xestión integrada de zonas costeiras.