Con máis de 120 asistentes, presentáronse 11 comunicacións orais e máis de 30 pósteres científicos
O CIM suma talento e conecta investigación na IV Asemblea CIMentos
Entregouse o Premio CIM 2026 á investigadora romanesa Liliana Rusu
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo celebrou este mércores a IV Asemblea Anual CIMentos, un encontro que reuniu máis de 120 investigadores, investigadoras e persoal técnico do centro para compartir os avances dos seus traballos científicos, intercambiar coñecementos e favorecer novas colaboracións entre grupos e disciplinas. A xornada, que nesta edición estivo coordinada polo programa de apoio ao persoal investigador posdoutoral CIM-Renova, incluíu a presentación de 11 comunicacións orais e máis de 30 pósteres científicos, así como a entrega do Premio CIM 2026 á investigadora Liliana Rusu, da Universidade Dunărea de Jos de Galați (Romanía).
Esta cuarta edición de CIMentos coincide co inicio dunha nova etapa para o centro de investigación da UVigo, tras a recente incorporación de Elsa Vázquez Otero á súa dirección. A catedrática de Zooloxía asumiu o cargo a comezos de outubro e, como ela mesma explicaba no acto de apertura, “esta é a miña primeira asemblea como directora do CIM, do que forman parte 143 persoas e estamos practicamente todos aquí, polo que quero darvos as grazas por esta acollida”. Vázquez lembrou que este é un dos actos, xunto coa xornada de Portas Abertas, que o CIM organiza en dúas semanas. As Portas Abertas pensadas para abrir o CIM “á cidadanía” e a asemblea CIMentos de hoxe “en clave interna, permitíndonos achegarnos e facer equipo”.
Na apertura institucional tamén participou o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Martínez Piñeiro, que lembrou que con esta edición van xa catro anos, “o que nos permite falar dunha tradición, un día ao ano no que o centro se reúne e detén a súa actividade para compartir o que fai”. Isto, nun centro do tamaño do CIM, lembraba o vicerreitor, “é un fito”. En referencia ao nome do evento, recalcou a súa idoneidade, xa que “os cimentos sosteñen o edificio, non se ven, pero sen eles nada se mantén en pé”. Isto, engadiu, “é precisamente o que é moitas veces o traballo investigador, xente que traballa no laboratorio, en campañas no mar, en modelización de datos… que fan que a UVigo sexa unha referencia mundial hoxe en día en ciencias mariñas”.
Da dinámica oceánica aos procesos biolóxicos
O programa científico desenvolveuse ao longo da mañá mediante dúas sesións de comunicacións orais, dedicadas á física, oceanografía, meteoroloxía e climatoloxía, por unha banda, e á bioloxía, pola outra. As presentacións abordaron o estudo das ondas de calor atmosféricas e mariñas, a reconstrución dos cambios oceanográficos do pasado e o desenvolvemento dunha batea experimental do CIM. No ámbito biolóxico, expuxéronse investigacións sobre os efectos de contaminantes nas larvas de peixes, a influencia das bacterias no crecemento de microalgas tóxicas, os procesos de acidificación e a dinámica do fitoplancto nas Rías Baixas, así como os avances na criopreservación de organismos mariños e o impacto das barreiras fluviais na mobilidade e migración dos peixes.
As comunicacións complementáronse cunha exposición de máis de 30 pósteres científicos, que permitiu dar a coñecer outros proxectos e resultados de investigación e favorecer o intercambio entre persoal de diferentes grupos. A programación incluíu tamén unha sesión dedicada ao liderado do CIM en proxectos europeos na que se presentaron iniciativas vinculadas á proxección internacional da actividade científica do centro.
Liliana Rusu recibe o Premio CIM 2026
A asemblea acolleu tamén a entrega do Premio CIM 2026 á investigadora romanesa Liliana Rusu, profesora da Universidade Dunărea de Jos de Galați (Romanía), en recoñecemento á súa traxectoria científica e ás súas contribucións ao desenvolvemento das enerxías renovables mariñas.
Especialista en modelización da ondaxe e enxeñaría oceánica, Rusu desenvolveu unha extensa carreira investigadora centrada no estudo da dinámica das ondas, a caracterización do clima marítimo e a avaliación do potencial enerxético dos recursos mariños. As súas achegas científicas contribuíron a mellorar a comprensión destes procesos e a avanzar no aproveitamento sostible da enerxía oceánica.
Tras recibir o galardón, a investigadora impartiu a conferencia inaugural da asemblea.
O CIM mira ao futuro: novos retos e capacidades
A sesión da tarde está dedicada á estratexia de futuro do CIM, ás súas capacidades científicas e técnicas e ao desenvolvemento do talento investigador. A directora do centro, Elsa Vázquez, presenta as principais liñas de actuación da nova dirección, da que tamén forman parte Moncho Gesteira, subdirector de Estratexia Científica, Eva Teira, subdirectora de Internacionalización e Sociedade e Damián Costas como director da principal infraestrutura do CIM, a Ecimat.
A ciencia cidadá ocupa tamén un lugar destacado coa participación de Jaume Piera, investigador do Institut de Ciències del Mar (ICM-CSIC) e membro do Comité Asesor Científico Externo Internacional do CIM. Piera presentou a plataforma Minka que promove a participación da cidadanía na investigación mediante o rexistro colaborativo de observacións sobre biodiversidade e o medio ambiente. A iniciativa exemplifica como a colaboración entre a comunidade científica e a sociedade pode contribuír á obtención de información ambiental e ampliar o coñecemento dos ecosistemas.
A xornada continúa pola tarde coa presentación das capacidades técnicas do CIM e da infraestrutura europea EMBRC (European Marine Biological Resource Centre), a cargo de Estefanía Paredes, directora científica de EMBRC España. A sesión remata cunha presentación do programa CIM Renova e das súas iniciativas para apoiar o desenvolvemento profesional do persoal investigador posdoutoral e fortalecer o talento científico do centro.
