En colaboración coa empresa italiana Limenet
O CIM traballa nun experimento para explorar novas solucións que axuden ao océano a absorber CO₂
A proba realízase nas instalacións de mesocosmos da Ecimat
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e a empresa italiana Limenet están a desenvolver unha proba piloto pioneira para avaliar os efectos da alcalinización mariña, unha técnica que podería contribuír a eliminar CO₂ da atmosfera e almacenalo de maneira duradeira no océano. O experimento, que combina tecnoloxía de vangarda e ciencia mariña galega, desenvólvese nas instalacións de mesocosmos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) e ten como obxectivo estudar como este proceso pode influír nos ecosistemas mariños. Os resultados permitirán establecer protocolos de traballo no marco do proxecto IRISCC, financiado polo programa Horizonte Europa e desta forma, poderán ofrecerse como servizos nas infraestruturas da rede European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC), da que forma parte a Ecimat.
A proba piloto conta coa participación dos investigadores do CIM Pablo Serret e Estefanía Paredes, xunto con colaboradores do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). Serret dirixe os experimentos centrados na comunidade planctónica, que inclúe fitoplancto, microzooplancto, bacterias e zooplancto, mentres que Paredes lidera os ensaios sobre moluscos, concretamente ostras e mexillóns. As probas con plancto desenvolvéronse durante quince días en outubro e, actualmente, están rematando os experimentos con moluscos. Unha vez finalizada esta fase, dará comezo a análise das mostras e dos datos recollidos ao longo destes meses.
Colaboración entre Galicia e Italia
Pola súa banda, Limenet, fundada en 2023, é unha empresa pioneira que desenvolve tecnoloxías de eliminación de CO₂ mediante a produción de cal con emisións netas cero. A compañía considera a investigación científica un piar esencial da súa actividade e escolleu o CIM pola súa infraestrutura de referencia internacional e polo seu equipo investigador especializado no estudo do medio mariño.
Durante todo o proceso, o equipo de Limenet está a realizar visitas periódicas ás instalacións da Ecimat para supervisar a xeración da auga alcalinizada. Ademais, dous novos investigadores de Limenet e da Universidade de Milán-Bicocca realizan unha estancia de seis meses en Vigo, participando na preparación e análise dos experimentos.
“Esta proba piloto supón un avance significativo cara á procura de solucións sostibles fronte ao cambio climático, combinando a tecnoloxía innovadora de Limenet coa excelencia científica do CIM e coas capacidades únicas de experimentación a escala natural que ofrecen os mesocosmos da Ecimat, unha infraestrutura singular no contexto europeo”, explica a investigadora do CIM Estefanía Paredes.
Oportunidade de mobilidade internacional
Os resultados desta colaboración permitiron abrir unha convocatoria de acceso transnacional no marco do proxecto IRISCC, que ofrece a investigadores doutros países a oportunidade de traballar en Vigo sobre a alcalinización mariña e estudar novas vías para mitigar o cambio climático desde o océano.
“Esta alianza demostra como a ciencia mariña galega pode contribuír a afrontar os grandes desafíos globais, impulsando solucións baseadas no coñecemento, a innovación e a cooperación internacional”, sinala Daniel Rey, director do CIM.
