DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este venres en formato presencial e virtual

O Cinbio achega as claves para comunicar a ciencia con paixón e dende a igualdade

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Transferencia
M. Del Río DUVI 25/06/2021

Para o persoal investigador, ás veces resulta un verdadeiro reto trasladar con claridade os resultados dos seus proxectos á cidadanía. Para facilitarlle aos científicos e científicas esta tarefa, son moitas as universidades e centros de investigación que apostan por formar ao seu persoal nas claves para unha divulgación científica eficaz, como este venres sucedeu no Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo, que acolleu a xornada Hablemos de Ciencia (vol. II): apasiona con tu investigación. O evento, con asistencia tanto presencial no edificio de Ciencias Experimentais como virtual, reuniu o persoal investigador deste centro para coñecer ferramentas de comunicación para o desenvolvemento persoal e a igualdade, da man de Mar Ferrero, formadora en habilidades persoais e igualdade, e Javier Cebreiros, doutor en Comunicación, escritor e formador. O obxectivo era achegar as claves para conquistar mediante un discurso eficaz e igualitario facendo que os resultados da investigación e o coñecemento científico en xeral cheguen dunha forma máis eficiente á sociedade.

Visibilizar a investigación feita por mulleres

A primeira intervención da xornada foi a de Mar Ferrero que, cun relatorio titulado Visibiliza y vencerás, tratou de abordar os nesgos de xénero persistentes na sociedade en xeral e non mundo da ciencia en particular. A experta sinalou que “as cousas cambiaron moito, pero non tanto como debería, nin ao ritmo que debería” e aínda que haxa quen sostén que a sociedade actual goza de igualdade, as desigualdades persisten, “aínda que se fixeron máis sutís, menos visibles e menos agresivas”. 

Referiuse Ferrero á cotas, que considera necesarias, e á discriminación positiva, como ferramentas para que as mulleres cheguen na mesma cantidade a todos os espazos igual que os homes. “As mulleres que chegan fano porque son excelentes, son boas, as top dos top”, cando no caso dos homes non é así. Por isto, considera que ata que “o mundo da política e do poder estea cheo de mulleres mediocres non teremos acadado a igualdade”. Neste sentido, Mar Ferrero referiuse á falta de oportunidades como un dos problemas principais, “os libros, os portfolios ou os méritos poden amosarse cando nos dan oportunidade de facelo, e ás mulleres dánselle menos”. 

Outros dos puntos claves da súa intervención foi a necesidade de visibilización. Nos órganos de poder e nas institucións “somos poucas, mal representadas e estereotipadas” e non se trata, sostiña, dun problema de capacidades, senón de oportunidades. Ademais, engadiu, é preciso ter en conta a pirámide de necesidades do século XXI, na que unha das máis importantes é o recoñecemento público, e as mulleres “non temos esa necesidade”. Moitas, explicaba, rexeitan poñer en valor o seu traballo e concretamente “no eido científico é complicado atopar mulleres que conten a súa experiencia, hai moitas reticencias a poñer en valor publicamente o traballo que realizan, pero se non se nos ve, non se nos valora, hai que estar e hai que visibilizar o noso traballo”. Por isto, Ferrero animou a todas as mulleres investigadoras a participar en iniciativas que divulguen os seus proxectos “para que xente saiba que facedes, en que traballades, o que conseguides”. 

Unha visión diferente da comunicación

O segundo relatorio da xornada impartiuno Javier Cebreiros, doutor en Comunicación, escritor e formador, que amosou unha forma diferente de entender la comunicación. Subliñou a importancia de mellorar a comunicación cun mesmo para poder mellorar a comunicación dos demais e co público. Para isto recomendou aos investigadores asistentes “ser vós mesmos, non finxir, porque iso nótase e a mensaxe non chega”. Animounos a traballar a autenticidade, “a capacidade de atrevernos a mostrarnos como somos, esta é a clave para ser grandes comunicadores e comunicadoras, é a batalla máis grande que tedes que librar”. Neste sentido, tamén recalcou a importancia de “cambiar a visión que temos de que é comunicar”, de plantexalo como “un acto de compartir, non como un acto no que os outros nos xulgan”, deixando así atrás os medos que van parellos ao feito de falar en público.