DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta á comunidade universitaria, tivo lugar no edificio Miralles do campus de Vigo

O Cinbio celebra unha xornada para falar de ciencia en clave de igualdade

Cintia Refojo, Teresa Piñeiro e Maider Eizmendi compartiron as súas experiencias co público

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI 26/05/2023

Visibilizar ás mulleres no mundo da ciencia. Este é un dos obxectivos cos que o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, Cinbio, celebrou este venres a cuarta edición da Xornada Falemos de ciencia en igualdade, unha acción formativa desenvolvida no marco das axudas promovidas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica. 

Á visibilización das científicas fixo referencia, precisamente, a subdirectora do Cinbio, Diana Valverde, no acto de apertura da xornada. Diana Valverde agradeceu o apoio que a Unidade de Igualdade da UVigo brinda a este tipo de iniciativas, poñendo en valor “os actos que promoven a divulgación científica desde a perspectiva de xénero, fomentando así unha comunicación máis inclusiva”. Pola súa banda, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, valorou moi positivamente “o papel dun centro de investigación como o Cinbio na visibilización da muller no ámbito científico”, destacando que este ano houbo unha gran concurrencia de propostas ás axudas promovidas pola unidade que dirixe. 

Tres mulleres, tres experiencias

Tras o acto de benvida, Cintia Refojo, responsable da Unidade para o Avance da Comunicación Científica da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), foi a encargada de dar comezo á xornada coa conferencia Sesgo de xénero en divulgación científica. “A perspectiva de xénero inflúe de maneira transversal no só na comunicación científica, senón en toda a sociedade”, subliñou Cintia Refojo, ao que engadiu que “os factores que interveñen nesta son complexos e, en ocasións, poden reforzar os sesgos de xénero, tendo consecuencias individuais negativas”. Na súa ponencia incidiu na importancia dos cambios estruturais, aos que tamén fixo referencia Teresa Piñeiro, docente e investigadora da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade da Coruña, na súa charla Por que tan poucas? Visibilizando mulleres ao mando. “A precariedade laboral do ámbito científico afecta por igual a homes e mulleres”, sinalou Piñeiro, “mentres que as desigualdes estruturais afectan especialmente ás investigadoras, aumentando o sesgo de xénero e afectando ás vocacións científicas das rapazas pola escasa visibilidade de referentes femininos no ámbito da ciencia”. 

Na última ponencia, titulada Impulsando o contido das científicas: ciencia, divulgación e xénero, Maider Eizmendi, profesora do Departamento de Xornalismo da Universidad del País Vasco (UPV/EHU), subliñou a importancia do papel dos medios de comunicación na introducción da perspectiva de xénero na comunicación científica, pois, “en moitos casos son a principal fonte de información unha vez rematada a etapa formativa, sendo os principais actores na creación do imaxinario que ten a sociedade arredor da ciencia”.

O punto final á xornada púxoo un coloquio aberto entre as ponentes e o público asistente a este evento que o Cinbio organiza anualmente desde o  ano 2020 co obxectivo de fomentar o debate e unha comunicación científica máis igualitaria.