DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa colaboración da Axencia Galega de Innovación e cofinanciado pola FECYT 

CINBIO lanza un programa para fomentar a cultura da innovación no ámbito académico e estreitar lazos coa administración pública

A xornada de lanzamento de Empren+AP celebrouse no edificio Redeiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 08/05/2025

A elaboración de políticas públicas en materia de emprendemento no ámbito académico é clave para o fomento de empresas de base tecnolóxica que impulsen a innovación e a competitividade a nivel global, asegurando que as tecnoloxías desenvolvidas nos centros de investigación se convertan en produtos que respondan ás necesidades do mercado. Esta necesidade de políticas eficaces que faciliten a transferencia do coñecemento académico cara o sector produtivo é a principal motivación do proxecto, coordinado polo CINBIO, Empren+AP, unha das 50 propostas cofinanciadas a través da actual Convocatoria I+P de ayudas a la experimentación e innovación de políticas públicas da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a Oficina Nacional de Asesoramiento Científico (ONAC).

O director do CINBIO, Miguel Correa, destaca a importancia deste proxecto que “busca posicionarse como un referente en asesoramento científico en emprendemento e innovación no ámbito dos nanomateriais e biomedicina”. O núcleo principal de Empren+AP é un programa de capacitación e emparellamento entre o persoal investigador do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da UVigo, experto en nanomateriais e biomedicina, e o persoal da Axencia Galega de Innovación (GAIN), co fin de enriquecer as actuacións xa en marcha no ámbito da transferencia e innovación do CINBIO. 

Un foro de políticas públicas para a innovación e o emprendemento, unha xornada de capacitación científico-tecnolóxica, varias xuntanzas de traballo e unha visita ao centro de investigación, converterán esta iniciativa nunha grande oportunidade para contribuír ao desenvolvemento de novas políticas públicas en materia de emprendemento nas citadas áreas. Ademais, Empren+AP intégrase no marco estratéxico RIS3 Galicia 2021-2027, contribuíndo a fortalecer os vínculos entre o persoal científico experto e o persoal da GAIN, entidade colaboradora do programa.

Lanzamento do proxecto 

O edificio Redeiras acolleu este xoves o lanzamento da iniciativa coa celebración da xornada Do coñecemento á acción: emprendemento no ámbito académico. O director do CINBIO Miguel Correa foi o encargado de darlle a benvida aos asistentes na apertura institucional do acto que tamén contou coa participación de Pilar Montes, xestora da Unidade de Transferencia e Innovación do CINBIO, encargada de presentar as actividades e accións que conformarán o programa EMPREN+AP durante o próximo ano. 

No marco desta xornada Carlos Sánchez Vecino, director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación, deu a coñecer a nova convocatoria do programa Ignicia Proba de Concepto, respondendo ás dúbidas das persoas asistentes. Unha sesión de aperitivo-networking puxo o broche final á  xornada de lanzamento deste proxecto, que se prolongará ata xuño de 2026.