DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con esta son cinco xa as unidades da Universidade que contan con este recoñecemento

O Cinbio logra a certificación de calidade ISO 9001

O centro tamén recibiu recentemente a Q de Calidade da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 20/12/2018

O ano remata con boas noticias para a Universidade de Vigo e, máis especialmente, para o seu Centro de Investigacións Biomédicas, o Cinbio, a quen acaban de concederlle a certificación de calidade ISO 9001, un instrumento recoñecido internacionalmente e que permite demostrar a capacidade desta institución para responder aos estándares internacionais de xestión de calidade elaborados pola Organización Internacional de Estandarización (ISO).  Esta boa nova é un mérito co que o centro reforza a súa credibilidade e que contribúe tamén á estratexia de I+D+i da Universidade.

Co Cinbio son xa tres os centros de investigación da Universidade de Vigo (centros de apoio e centros singulares) que contan con esta certificación, tras acadalo o CACTI, no ano 2010, e a Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, en 2013; e cinco as unidades en total, contando tamén o Laboratorio de Microbioloxía (2002) e a Biblioteca Universitaria (2006).

“Esta certificación supón todo un aval de calidade”

“Esta certificación supón todo un aval de calidade dos servizos que se ofrecen no Cinbio, o que se traduce nunha maior satisfacción para os nosos investigadores e investigadoras e para as probas que solicitan”, explica a directora do centro, a catedrática de Inmunoloxía África González, que fai fincapé en que, por outra banda, supón tamén un recoñecemento ao traballo diario e un acicate para a organización efectiva dos seus servizos que lles permitirá obter a máxima satisfacción dos usuarios/as e dos grupos de investigación que poñen a súa confianza neles para a realización dos mesmos. “É unha garantía de calidade baseada no traballo serio, responsable, planificado, organizado, coordinado e rigoroso”, explica a directora do Cinbio, centro que este mes recibiu tamén o selo Q de calidade da Universidade de Vigo, unha iniciativa pioneira a nivel nacional coa que a institución académica viguesa quere demostrar a súa aposta e compromiso coa excelencia no ámbito da xestión.

A nivel práctico a Certificación ISO 9001 permítelle ao usuario coñecer en todo momento a situación dos servizos que se ofrecen, a trazabilidade de todas as mostras, que todo se leva a cabo segundo protocolos e controles adecuados, e que se cumpriron todos os requisitos establecidos, así como ter de forma sinxela e controlada todos os cambios e riscos que supoñen unha mellora no Cinbio. “Axudaranos a levar un control máis exhaustivo dos nosos procesos, axudando ao cumprimento dos requisitos legais aplicables a cada servizo, identificando os puntos débiles e fortes na nosa sistemática de traballo e as posibilidades de mellora futura en función da nosa dispoñibilidade de recursos”, explica a docente.

Un reto complicado e moito traballo en equipo detrás

A implantación dun novo sistema de organización e xestión de servizos supuxo numerosos cambios no modo de funcionamento que se viña levando a cabo no centro, principalmente para os usuarios/as. “O reto foi especialmente complicado pola casuística particular de cada un dos servizos. Idear un sistema de organización versátil, pero unificado e común a todos os servizos, supuxo un esforzo extra ao que dedicamos moito tempo e longas reunións de traballo para a posta en común de ideas e estratexias coordinadas e coherentes”, explican desde o centro, ao que engaden que os cambios realizados tradúcense nunha mellora da organización e, por tanto, nunha maior eficiencia dos servizos que ofrece o centro.

“Obter unha certificación ISO no tempo que queriamos era case unha misión imposible. Ao final fomos quen de conseguilo, o que demostra que con xente involucrada e coa axuda de especialistas todo pode saír adiante dunha maneira satisfactoria”, recalcou González, ao tempo que destacou o “papel fundamental” de Pilar Canoa, que foi quen levou a cabo toda a coordinación do proceso, así como dos servizos de Interaccións Moleculares (SPR) e Bioloxía Molecular; de Marina Peña, Vanesa Domínguez e Marisol Feijóo, no Servizo de Bioexperiementación; Elina Garet e Galina Pinzaru, na posta en marcha do servizo NCB-3 para patóxenos, que se abrirá proximamente, e Ainhoa Rodríguez e Mercedes Peleteiro, no Servizo de Citometría de fluxo. 

13 grupos e máis de 200 investigadoras e investigadores

O Cinbio é un centro multidisciplinar no que traballan máis de 200 investigadoras e investigadores pertencentes a 13 grupos de investigación con perfís moi distintos e complementarios e, xunto a eles, “existe tamén un bo número de usuarios/as externos á Universidade de Vigo que confían nas nosas instalacións, facilidades e no noso traballo como soporte aos seus proxectos de investigación”.