DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro martes Mercedes Peleteiro presentará o laboratorio de Citometría de Fluxo

O Cinbio organiza múltiples seminarios web para dar a coñecer as potencialidades dos seus servizos

O taller, aberto ao público en xeral, forma parte das accións ‘Coñece ao #teamCinbio’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 21/05/2021

O Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, Cinbio, está a organizar, baixo a etiqueta xeral ‘Coñece ao #teamCinbio’, toda unha serie de seminarios web cos que dar a coñecer o traballo que levan a cabo os diferentes grupos de investigación do centro e as múltiples potencialidades de cada un dos seus servizos.  Son talleres impartidos polo propio persoal do Cinbio e pensados para crear sinerxías entre os diferentes equipos, pero abertos tamén ao público interesado. A vindeira cita será o próximo martes día 25 ás 10.00 horas, a través do Campus Remoto, e chegará da man de Mercedes Peleteiro, responsable do Servizo de Citometría de Fluxo.

Baixo o título Onde as células se fan realidade, Peleteiro explicará o tipo de traballo que se leva a cabo neste laboratorio, aberto aos diferentes grupos de investigación do Cinbio e a outros centros como o Hospital Álvaro Cunqueiro, así como ás empresas, e onde o eixe principal é o estudo das células. A versatilidade da citometría de fluxo convértea nunha das ferramentas máis utilizadas en investigación, aplicable a unha gran variedade de liñas de investigación, desde a análise xenómica de diferentes tipos de cancro, a avaliación de vacinas, o estudo de enfermidades raras e psiquiátricas, o estudo de organismos mariños ou diferentes ramas do campo da nanomedicina.

Tal e como explican na súa web, a citometría de fluxo permite facer análises multiparamétricas de suspensións celulares, proporcionando información de parámetros como o tamaño e complexidade das células e, ao mesmo tempo,  facilita o estudo dun abano moi grande de marcadores e estudos funcionais utilizando a gran diversidade de sondas fluorescentes que hai actualmente no mercado. 

Este seminario vén a sumarse a outros xa celebrados no centro. Entre outras temáticas, celebráronse xa talleres sobre a identificación de biomarcadores de actividade patolóxica e eficacia terapéutica en esclerose múltiple; a endometriose, a ‘enfermidade oculta’ que afecta a millóns de mulleres en todo o mundo; ou outro sobre un novo software de utilidade para todo o persoal do centro.