DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado pola Unión Europea con 3,3 millóns de euros

O CINBIO participa nun proxecto europeo para mellorar o diagnóstico das infeccións crónicas de feridas

Desenvolverá modelos ‘bioenxeñados’ de pel humana e ferramentas de diagnóstico non invasivo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Internacional
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 27/07/2026

As infeccións crónicas de feridas supoñen un importante reto clínico pola súa alta prevalencia, a dificultade do seu tratamento e o impacto na calidade de vida das persoas afectadas. Co obxectivo de mellorar o seu diagnóstico e tratamento mediante solucións innovadoras e personalizadas, esta primavera botou a andar o proxecto europeo Heal-4Ward, Rede doutoral para coidados avanzados e diagnóstico rápido de infeccións de feridas. A iniciativa, financiada pola Unión Europea con 3,3 millóns de euros a través do programa Horizonte Europa e das accións Marie Skłodowska-Curie, reúne dez socios europeos, entre eles o CINBIO da Universidade de Vigo, integrado na Rede Cigus.

Tras a reunión de lanzamento celebrada en Roma, o proxecto prolongarase 48 meses e  permitirá formar 11 investigadoras e investigadores predoutorais en toda Europa para afrontar o reto das infeccións de feridas. Coordinado pola Università degli Studi di Roma La Sapienza (Italia), o consorcio reúne expertos e expertas en ciencia de nanomateriais, química, fabricación aditiva, enxeñaría biomédica, bioloxía molecular, microbioloxía e práctica clínica de España, Francia, Reino Unido, Irlanda, Italia, Países Baixos e Grecia, reforzando o seu carácter internacional e multidisciplinar.

Na Universidade de Vigo o equipo participante está coordinado polo investigador Gustavo Bodelón González, do grupo de NanoBioMateriais Funcionais, FunNanoBio, do CINBIO, dirixido por Isabel Pastoriza Santos e Jorge Pérez Juste. 

Coidado e diagnóstico personalizado das infeccións

Un dos principais obxectivos de Heal-4Ward é desenvolver un modelo tridimensional bioenxeñado de pel humana con propiedades plasmónicas que permita detectar e monitorizar de maneira non invasiva infeccións crónicas de feridas e avaliar a resposta ás terapias antimicrobianas mediante espectroscopía Raman intensificada por superficie (SERS), sen necesidade de marcadores.

"Mediante a integración de nanomateriais de vangarda, tecnoloxías de detección non invasivas e bioenxeñaría de tecidos desenvolvemos prototipos de feridas orientados ao diagnóstico e tratamento personalizado das infeccións", explica Gustavo Bodelón.

Para iso empréganse hidroxeles bioenxeñados que imitan a pel humana e incorporan nanopartículas de ouro capaces de amplificar sinais ópticos. "A técnica principal é a espectroscopía SERS, que permite detectar moléculas producidas por células e bacterias sen danar a mostra", sinala o investigador. O traballo compleméntase, así mesmo, con técnicas de microbioloxía, enxeñaría xenética, bioenxeñaría e espectroscopía de fluorescencia.

Ferramentas non invasivas con alto potencial de transferencia

Ademais de contribuír ao desenvolvemento de terapias antimicrobianas máis eficaces, á redución do uso de modelos animais e á mellora do manexo clínico das infeccións crónicas, o proxecto permitirá desenvolver plataformas bioenxeñadas e ferramentas de diagnóstico non invasivo cun elevado potencial de transferencia a empresas biotecnolóxicas e biomédicas, así como a institucións sanitarias.

En definitiva, o financiamento obtido con Heal-4Ward supón unha oportunidade para formar novo talento investigador nun contexto europeo, colaborar con centros de referencia e afrontar retos científicos de grande impacto. "Este proxecto aposta por unha forma responsable e avanzada de facer ciencia", subliña Bodelón. "É un orgullo comprobar que a investigación básica desenvolvida nun laboratorio do CINBIO e da Universidade de Vigo poida contribuír a mellorar a vida das persoas."