DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvoltos polos grupos de Química Coloidal e Inmunoloxía da Universidade e o INL de Braga

O Cinbio presenta ás pemes da eurorrexión dous sensores de elevado interese comercial

Ambos traballos lévanse a cabo dentro do proxecto POCTEP NANOeaters, liderado pola Xunta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
D. Besadío DUVI 21/06/2019

Un sensor para a detección temperá da fibrose e outro dirixido a detectar toxinas mariñas, de baixo custo e elevada sensibilidade. Estes son dous dos proxectos nos que traballan actualmente os grupos de Inmunoloxía e Química Coloidal da Universidade de Vigo e que este venres presentaron nun obradoiro celebrado no Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, dirixido a pequenas e medianas empresas innovadoras da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal que puidesen estar interesadas no seu desenvolvemento e explotación comercial.

Ambos traballos están a desenvolverse dentro do proxecto de investigación NANOeaters, un traballo, encadrado no Programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP),  liderado pola Axencia Galega de Innovación e no que participan un total de oito institucións, entre elas a propia UVigo. Posto en marcha en 2015, o proxecto conta cun financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) de 3,1 millóns de euros e con el búscase mellorar a participación do tecido empresarial galego e portugués no desenvolvemento de novos produtos e/ou servizos aptos para a explotación comercial.

Un sensor, barato e hipersensible, para detectar toxinas mariñas...

O taller arrancou cunha presentación xeral do proxecto e continuou coa participación da profesora África González, directora do Cinbio, que introduciu a xornada falando da importancia da innovación en biomedicina.  O primeiro caso de uso en presentarse foi o deseño dun sensor ‘Lab-on-a-chip’ para a detección de toxinas mariñas, proxecto coordinado entre o Grupo Químico Coloidal e o Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía de Braga. Encargouse da presentación o investigador responsable do grupo, Jorge Pérez Juste, que fixo fincapé en que se trata dun proxecto multidisciplinario que involucra diferentes áreas de especial importancia para a Comisión Europea: nanotecnoloxía, materiais avanzados, tecnoloxías punteiras de fabricación, etc... “O noso traballo ten como finalidade a detección de biotoxinas mariñas a través do deseño de sensores nanoestruturados portátiles de baixo custe e alta sensibilidade baseados en espectroscopía Raman aumentada en superficie (SERS)”, explicou o investigador.

O desenvolvemento deste sensor supón a apertura de novas áreas de actividade económica en sectores clave da actividade industrial, tanto galega como portuguesa. Estes sectores clave, relacionados sobre todo coa pesca extractiva, o marisqueo e a acuicultura, sitúan este proxecto no denominado pola UE como Reto 1  (Novo modelo de xestión dos recursos naturais e culturais baseados na innovación) a través da combinación de bio e nanotecnoloxías. “Estamos convencidos de que o proxecto contribuirá ao desenvolvemento do sector da acuicultura galega a través da mellora da comercialización e trazabilidade, (proporcionando información sobre a calidade dos alimentos, a súa orixe, garantías de saúde e hixiene) e, por tanto, á xeración de novos produtos baseados na tecnoloxía”, recalcou o responsable do grupo.

... e outro capaz de detectar a fibrose de xeito temperá

No caso do sensor destinado á detección temperá da fibrose, proxecto coordinado entre o grupo de Inmunoloxía da Universidade de Vigo e o INL de Braga, a parte viguesa do traballo consiste en “intentar buscarlle aplicación biomédica a un biosensor que foi desenvolto no INL de Braga”, recalca África González, ao tempo que explica que este sensor funciona como un biosensor magneto-resistivo, con nanopartículas magnéticas, ás que se lle engade un anticorpo específico de un analito e, por tanto, “pódese empregar para a detección de varios produtos e pódese aplicar a distintas cousas, entre elas a detección temperá de fibrose na membrana peritoneal, que é o caso de uso do noso proxecto”.

Segundo se explicou no obradoiro, os pacientes con problemas renais mentres esperan un transplante poden ser sometidos a  hemodiálise ou, en algunhas circunstancias, a diálise peritoneal que poden realizar na súa propia casa, sen necesidade de ir a un hospital. Neste proceso o líquido de diálise adminístrase a través da membrana peritoneal no abdome  e as toxinas do corpo elimínanse a dito líquido, que se retira tras realizar o proceso de filtrado.  “En algunhas ocasións este proceso crónico pode orixinar un proceso de fibrose da membrana peritoneal que dificulta o filtrado e é importante detectalo de xeito temperá”, explica González, quen recalca que se observaron substancias que se liberan ao líquido cando este proceso de fibrose está tendo lugar e que este proxecto centrouse, precisamente, en buscar que substancias se liberan ao líquido e en ver se hai diferencias entre os pacientes.