DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será o 1 e 2 de xullo de xeito totalmente virtual

O Cinbio retoma o seu congreso anual como punto de encontro entre especialistas en cancro, nanomateriais, bioinformática...

Na última edición, a de 2019, participaron 200 investigadores e investigadoras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/06/2021

Síntese de novos fármacos, deseño de sensores para a detección de enfermidades, nanomateriais para o tratamento de doenzas, estudos bioestadísticos… Estes son algunhas das principais temáticas que se van tratar na 4º edición do Annual Meeting do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, un congreso anual que en 2020 non puido celebrarse debido á pandemia e que en 2021 se levará a cabo de xeito totalmente virtual os días 1 e 2 de xullo coa participación como oradores convidados de especialistas, tanto nacionais como internacionais, en cancro, nanomateriais, bioinformática, inmunoloxía, síntese química...

“O igual ca nos anos anteriores, o congreso busca ser un encontro de investigadoras e investigadores interesados en todos estes temas, xa que estas cuestións son a natureza intrínseca do noso centro”, explica Sergio Gómez, investigador distinguido do grupo de Química Coloidal, integrante do comité organizador do congreso, un equipo do que forman parte seis investigadores de posdoutoramento das diferentes áreas temáticas que se abordan no Cinbio, non en van o encontro pretende tamén “ser unha plataforma para que os investigadores en formación amosen os seus resultados”.

Especialistas de renome e novos investigadores de gran proxección

O cadro de poñentes convidados está composto por oito especialistas, “que foron elixidos tratando de combinar xente moi contrastada con persoas que están empezando o seu grupo de investigación e para quen esta xuntanza pode ser unha grande oportunidade para amosar os seus últimos resultados”, explica Gómez, quen recalca que se fixo un esforzo porque estivesen representados todos os ámbitos de estudo presentes no Cinbio. Entre os investigadores cunha traxectoria máis contrastada atópanse Fernando Reyes, da Fundación Medina, de Granada, quen ten unha dilatada carreira na síntese de produtos orgánicos; María del Puerto, do Instituto de Ciencias Materiais de Madrid, experta na síntese de nanomateriais con fins biomédicos, e as expertas en bioestadística Jeanne Houwing, con adscrición nas universidades de Leeds (Reino Unido), Boloña (Italia) e Utrecht (Países Baixos) e Rebecca Betensky, da Universidade de New York.

No caso dos especialistas máis novos, todos eles cunha importantes proxección internacional, cóntase con Belén Rodríguez, do Servizo de Microbioloxía Clínica e Enfermidade Infecciosas do Hospital Gregorio Marañón, experta na detección de microrganismos mediante técnicas avanzadas; Pablo del Pino, da Universidade de Santiago de Compostela, experto –ao igual que María del Puerto- na síntese de nanomateriais con fins biomédicos; Marina Romaní, do Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos, IATA-CSIC, experta en nutrición que investiga os mecanismos mediante os cales a microbiota intestinal é capaz de modular o peso corporal a través do eixe intestino-cerebro e o seu potencial uso para mellorar o tratamento da obesidade, e Mónica Gómez, da Universidad de Oviedo, especialista na biosíntese de sipanmicinas.

Inscrición gratuíta

Na última edición, a de 2019, participaron no encontro 200 investigadores, sobre todo da área de Vigo, pero tamén do resto da comunidade, do norte de Portugal e, en xeral, da zona noroeste de España. Nesta ocasión, ao pasarse ao formato virtual, desde a organización consideran que é probable que se incremente o número de participantes e as súas procedencias, tanto a nivel nacional como internacional. “Os oradores convidados son investigadores de reputada experiencia a nivel internacional, polo que estamos convencidos que será un congreso moi interesante”, recalca Sergio Gómez, a quen acompañan no equipo organizador Noelia Florez e María Dolores Torres, investigadoras expertas en biomasa e desenvolvemento sostible; Hugo López, en Sistemas informáticos de nova xeración; Ana Sousa, en deseño de catalizadores nanoestruturados e a súa aplicación en diferentes transformacións orgánicas, e Fátima Otero, da unidade de xestión do Cinbio.

A inscrición no congreso é, nesta ocasión, totalmente gratuíta, xa que a súa organización está financiada pola Xunta de Galicia –a través das axudas aos centros de investigación- e a Universidade de Vigo –axudas propias para a realización de congresos-.