DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns recaeron en doce rapazas e rapaces de Primaria e Secundaria

Cinco centros da provincia gañan o VII Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Organizados pola Facultade de Ciencias e as escolas de Aeronáutica e Informática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 02/03/2023

O campus de Ourense acolleu este xoves o acto de entrega dos premios do VII Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Nel convidouse ao alumnado de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria ourensán a presentar traballos visuais ou literarios sobre a participación feminina no ámbito STEM. Nesta edición, entre os arredor de 300 traballos recibidos, a organización premiou a 12 estudantes de cinco centros educativos da provincia.  

Este certame organízase anualmente co gallo da celebración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e é froito do traballo conxunto da Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, que cada ano unen forzas para organizar diferentes accións destinadas a potenciar e visibilizar a presenza da muller na I+D+i baixo o paraugas da iniciativa eXXperimenta en Feminino. Ademais, conta co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo.

Na entrega de premios, en nome da organización a profesora da UVigo Nieves Lorenzo destacou que estes galardóns queren ofrecer ás e aos escolares referentes femininos no eido STEM e espertar así tamén nas nenas e rapazas o interese polas titulacións de ciencias, tecnoloxías, enxeñarías e matemáticas. Precisamente para contribuír a visibilizar a presencia feminina nestes eidos, a entrega dos galardóns foi realizada por investigadoras do campus de Ourense (Laura Meno e Lucía Carrera, da Facultade de Ciencias, e Uxía García, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo) e pola alumna da Escola Superior da Enxeñaría Informática Tina Lavadores. Elas deron ao público presente unha pincelada sobre a súa traxectoria persoal e académica e animaron ás rapazas e nenas presentes a considerar as titulacións STEM como unha opción para o seu futuro.

Modalidade literaria e visual

O certame contou con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de Educación Secundaria, e dúas modalidades, unha visual e outra literaria. Na modalidade visual, en Educación Primaria o primeiro premio foi para Elena Emilia Villar, do CPR Plurilingüe Santa María (Ourense), o segundo para Alexandra González, do CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle (Ourense), e o terceiro para Braulio González, tamén do CPR Plurilingüe Santa María (Ourense). En Educación Secundaria, nesta modalidade o primeiro premio foi para Nuria Barreira, do IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o segundo para Víctor Rodríguez, do mesmo centro, e o terceiro para Sandra Somoza, do Colexio Santo Ángel (Ourense).

Na modalidade literaria, na categoría de Educación Primaria, o primeiro premio foi para Roque Fernández, do CPR Plurilingüe Santa María (Ourense), polo texto La historia de María; o segundo para Jorge Barrocas, do Colexio Pablo VI (A Rúa), por Ser hijo de una mujer científica, e o terceiro para Allegra Verde, tamén do CPR Plurilingüe Santa María (Ourense), por Inventos al revés. En Educación Secundaria, os primeiro posto foi para Alejandro López, do CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle (Ourense), por La dama de las mil profesiones; o segundo para María Gómez, do CPR Plurilingüe Santa María (Ourense), por Influencers diarias, e o terceiro para Leire Rodríguez, do Colexio Pablo VI (A Rúa), por Sobre ciencia, mujer y avanzar.

A selección dos traballos gañadores realizouna un xurado composto por docentes dos centros organizadores. Na modalidade visual valorouse “a calidade técnica, a orixinalidade, a creatividade e o tratamento da temática do concurso” e na literaria “o estilo, a capacidade de razoamento, a orixinalidade e o tratamento da temática do concurso”, destacando desde a organización a boa calidade dos traballos presentados nesta edición. O premio recibido polas e polos galardoados consistiu nunha calculadora científica Casio Women in Science, varios libros, material promocional e un diploma xustificativo do premio.