DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Semana Galega de Filosofía desenvólvese ata o venres no Pazo da Cultura 

Cinco días para a reflexión alén do pensamento hexemónico 

Promovida pola Aula Castelao co patrocinio do Concello e a Universidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Pontevedra 18/04/2022

Baixo o título de Filosofía e Contrahexemonías, este luns botou a andar no Pazo da Cultura a XXXVIII Semana Galega de Filosofía, un foro promovido pola Aula Castelao de Filosofía, co patrocinio do Concello de Pontevedra e da Universidade de Vigo, a través da Vicerreitoría do campus, que neste 2022 dedica o seu programa aos discursos e prácticas diferentes ou opostas ás comunmente aceptadas desde os poderes políticos, económicos e culturais. Un total de 15 conferencias integran o programa dun congreso que recupera neste 2022 o seu carácter presencial, aínda que tamén pode seguirse de xeito virtual, e que na mañá deste luns foi inaugurado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón.

“O cometido da filosofía é o fomento de discursos libres e transgresores, comprometidos coa xustiza e a emancipación social”, salientou Cendón neste acto, no que definiu a contrahexemonía como “unha constelación de posibilidades”, ás que este foro busca achegarse nas súas diferentes conferencias. “Agora máis que nunca é preciso loitar contra a idea do discurso único, do pensamneto homoxéneo”, engadiu Fernández Lores, quen puxo en valor como a temática escollida para permite pór o foco “en conceptos como o imperialismo, o especismo, o capitalismo, a masculinidade hexemónica e a disidente ou o feminismo, entre outros”.

Tras a súa inauguración, a XXXVIII Semana Galega de Filosofía abriuse na mañá deste luns cunha conferencia do profesor da Universidad Autónoma de Madrid Carlos Taibo, centrada no conflito desatado en Ucraína.