DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A MITEU encherá de actuacións a cidade ata o 29 de abril

Cinco espectáculos e unha exposición inauguran a XIII Mostra de Teatro Universitario de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 11/04/2008

A XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense deu comezo cunha intensa xornada na que se reuniron un total de cinco espectáculos e a inauguración dunha exposición. O ambiente festivo encheu toda a cidade grazas aos pasarrúas, á música das charangas e aos pallasos, que partiron dende o campus cara a céntrica rúa do Paseo, onde amenizaron as pequenas pezas cómicas que os actores do grupo universitario Rosaura representaban nos escaparates, baixo a sorprendida mirada dos viandantes. Fixeron entón a súa aparición dous clowns arxentinos para, máis adiante, dar paso, xa no Teatro Principal, ás obras do grupo Cordelia e de Quico Cadaval, coas que botou a andar oficialmente a edición máis ambiciosa da historia da MITEU e que, ata o 29 de abril contará cunha trintena de actuacións.
Fernando Dacosta, director da Mostra comentou que “as accións teatrais que se desenvolveron tras os vidros das tendas están realizadas polo primeiro nivel da aula de teatro universitario, Rosaura, e levan por título Ollar o mundo, xa que é un xeito de implicar aos peóns nunha acción urbana e incitalos a mirar ao redor con outros ollos” dixo. En canto aos clowns, situados un nas inmediacións do centro comercial La Región e nos xardíns Padre Feijoo explicou que “Nanny Cogorno realiza o espectáculo Jujurujaja, el desastre continúa, combinando humor, malabares, equilibrio e improvisación, mentres que a súa compatriota Miss Vero, con Divina de la muerte, presenta o seu novo sistema para estar en forma e que contén karate, monociclo ou globoflexia”.
Xa no Teatro Principal foi inaugurada a exposición de Miguel Dacosta Somos poldros indomables para ben ou para mal, prefiro ser cuatrero que tapón da lei, amenizada polo cantante de rúa, Nacho. Alí mesmo o grupo universitario de segundo nivel, Cordelia, estreou a obra Á deriva, na que “os personaxes senten un gran baleiro na súa vida e xa non agardan nada dela” comentou o director da Mostra. A xornada festiva finalizou con Quico Cadaval e A vida dura, “unha contada biográfica das súas andainas pola súa Ribeira natal” dixo.

Miguel Lourenzo, Premio de Honra da MITEU

Fernando Dacosta adiantou tamén que o Premio de Honra da XIII edición da MITEU “vai recibilo Manuel Lourenzo, que virá persoalmente a recollelo, polo que nos fai unha ilusión enorme. O resto dos premiados aínda non se saben, porque hai que esperar a ver como se desenvolve a Mostra” dixo. Manuel Lourenzo, dramaturgo, director teatral, profesor e autor de teatro, “foi o impulsor do teatro de base e moitos dos actores galegos profesionais pasaron polas súas clases. Ademais fundou na Coruña o primeiro grupo de teatro independente de Galicia e os Cadernos da Escola Dramática Galega, xunto con Francisco Pillado Mayor” engadiu.

O programa completo pódese ver na nova web da Mostra