O festival internacional (S8) dedica a súa sección Paraíso ao alumnado de tres universidades
Cinco estudantes de Belas Artes exhibirán as súas curtas na Mostra de Cinema Periférico
O vindeiro venres 6 de xuño, na Filmoteca de Galicia, na Coruña
Cinco estudantes da Facultade de Belas Artes presentarán as curtametraxes que desenvolveron como traballos académicos na 16 edición do festival internacional (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña. Por quinto ano consecutivo, o alumnado da facultade pontevedresa será un dos protagonistas da sección Paraíso, que cada ano reúne unha escolma de traballos de estudantes de diferentes universidades, co propósito de servirlles como un “espazo iniciático para internarse no contexto do cinema”, sinalan desde o festival. Coa cineasta e profesora da facultade Xisela Franco como comisaria, a sesión dedicada ao estudantado da UVigo terá lugar o venres 6 de xuño ás 11.00 horas, na Filmoteca de Galicia, e presentará, baixo o título de Reparar a dor, as creacións de Sara Ricoy, Iván X. Esmorís, Irene Santamaría, Rocío Campoy e Gema Rodríguez.
Impulsada hai cinco anos co obxectivo de pór o foco no “enfoque interdisciplinar e libre” co que o alumnado de Belas Artes se achega á creación cinematográfica, Paraíso contou co estudantado da Universidade de Vigo nas súas cinco edicións. De feito, algunhas das alumnas seleccionadas en anos anteriores foron posteriormente escollidas para as seccións profesionais do festival. Ese é o caso de Cristina Souto e Marta Lara, que participarán este ano na sección Sinais, ou de Claudia Pineda, que pouco despois do seu paso polo (S8) era seleccionada polo ICAA para participar no Short Film Corner do Festival de Cannes.
O cinema como “ferramenta de reparación”
Seleccionadas de entre unha serie de traballos académicos desenvolvidos para dúas materias impartidas por Franco, as cinco curtas seleccionadas para o (S8) teñen como nexo de unión “o uso da linguaxe fílmica como ferramenta de reparación”, sinala esta docente. “En cada obra latexa unha ausencia encarnada”, engade Franco respecto do fío condutor das cinco pezas que se exhibirán nun dos “festivais de cine experimental máis singulares e recoñecidos do panorama mundial”, no que tamén participarán estudantes de Belas Artes das universidades de Salamanca e Complutense de Madrid.
Esa idea de ausencia, vinculada á “morte e o loito nunha aldea que desaparece”, reflíctese en Sentir, de Sara Ricoy, coautora, xunto con Iván X. Esmorís, doutra das curtas seleccionadas, Fora. Neste caso, a peza céntrase nunha parella de anciáns “dunha pequena aldea da provincia de Pontevedra”, na que continúan residindo corenta anos despois de negarse a marchar polo proxecto de construción dun pantano, o que obrigounos “á soidade de ser a única casa visible”, sinalan. Irene Santamaría, pola súa banda, propón un “percorrido autobiográfico desde as sensacións, desde o simbólico” en Dentro, unha peza na que afonda en como “crecer ás veces é curar as feridas”. A ausencia daquel que “busca sentido no dó e a despedida dun ser querido” centran Ausencia, de Gema Rodríguez, mentres que Rocío Campoy reflicte en Una estrella se estrelló “a importancia do círculo de apoio e rede de coidados que necesitamos as persoas para alcanzar a estabilidade e o benestar emocional”.
Ademais da presentación das súas obras nunha sesión pública, o programa Paraíso comprende tamén neste 2025 a participación dos 14 estudantes seleccionados nunha máster class sobre o cinema de vangarda venezolano de Carlos Castillo e súa participación na xornada de peche nun encontro con artistas.
Organizado pola Asociación Cultural eSe8, a Mostra Internacional de Cinema Periférico conta co patrocinio do Concello da Coruña e o apoio de Agadic, Deputación da Coruña, ICAA, Acción Cultural España e a Fundación Luís Seoane.