DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A XIV Miteu de Pontevedra desenvolverase entre o 29 de maio e o 9 de xuño 

Cinco novas citas co teatro universitario

Coa participación das aulas dos tres campus da UVigo e da Universidade do Minho

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 25/05/2023

Recuperada en 2022 despois de doce anos de parón, Pontevedra acollerá entre o 29 de maio e o 9 de xuño a súa XIV Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), que permitirá coñecer as obras desenvolvidas nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, así como unha montaxe do alumnado da Universidade do Minho. Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello de Pontevedra, a Miteu desenvolverá a súa programación no Teatro Principal, con funcións programadas para as 21.00 horas, todas elas con entrada libre ata completar a capacidade da sala. A programación ábrese o vindeiro luns con Incendios, da aula de teatro de Vigo, e continúa o mércores con O mundo como vontade, do grupo Cordelia do campus de Ourense. O xoves 1, poderá verse a nova montaxe da aula do campus pontevedrés, Intermitencias, mentres que o xoves 8 presentarase As cidades agochadas, do grupo ourensán Maricastaña, pechándose a programación o venres 9 con Roleta Mortis, da Universidade do Minho.

“É unha actividade que ten a súa base nas aulas de teatro da Universidade e que serve para darlles visibilidade”, salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que lembra que unha das montaxes é o resultado final do traballo realizado ao longo do curso na propia aula do campus, na que tanto estudantado como persoas alleas á comunidade universitaria iniciáronse no proceso de preparación dunha montaxe teatral. Trátase, como engade, dunha “actividade que tivo moita aceptación” e que tiña á fronte ao responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, encargado tamén de coordinar unha mostra que recupera neste 2023 o seu carácter internacional da man da Universidade do Minho. Como apunta Torres, a súa participación constitúe o primeiro resultado “dunha liña de colaboración a nivel cultural, que contamos que terá continuidade”.

Vigo e Ourense levantan o pano

Dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa, a programación da Miteu arranca o luns 29 con Incendios, unha obra do canadiano Wajdi Mouawad, que presenta tres “incendios vitais” que reflicten as inquedanzas e inseguridades que conviven no seo dunha familia. De levala ao escenario encargarase un elenco conformado por máis dunha ducia de alumnos e alumnas da Aula Universitaria do Campus de Vigo, “que leva case 25 anos desenvolvendo o seu labor”, como lembra Del Río. Dous días despois chegará o momento de coñecer unha das montaxes xurdidas do campus de Ourense, "que conta cunha das compañías universitarias máis veteranas e con maior arraigo”. Trátase de O mundo como vontade, do grupo Cordelia, unha montaxe realizada por Fina Calleja a partir de textos de varios autores, que se presenta como “unha peza sobre a orde e a desorde das cousas e sobre a maneira que temos de percibilas”. 

As intermitencias da aula pontevedresa

Tras presentarse nas mostras de teatro universitario de Vigo, Ourense e Santiago, o xoves 1 de xuño estrearase na cidade a obra resultado do taller que Salvador del Río dirixiu no campus, Intermitencias, unha montaxe na que combina textos de Clara Gayo, Paula Carballeira, Santiago Cortegoso e Sanchis Sinisterra coas propias achegas dos nove actores e actrices participantes. O punto de partida foron unha serie de escenas relacionadas co universo teatral, que permiten amosar “a desesperación de dous figurantes que agardan polo seu Godot particular, reflexionar sobre se podemos facerlle un xuízo a unha personaxe mítica como Medea ou preguntarnos como lles foi a Helena e Menelao despois de Troia”. Estas escenas vanse enlazando á súa vez cos relatos de cada participante sobre “un momento da súa vida, que pode ser real ou non, pero que contan como se fose unha verdade”, salienta este actor e director, que recoñece que, pese ao "esixente" de combinara interpretación dun texto alleo e dun propio, trátase “dunha das obras, tanto de teatro universitario como amador, das que estou máis satisfeito”.

O peche, o 8 e 9 de xuño

A programación continúa o xoves 8 con As cidades agochadas, doutra das aulas do campus ourensán, Maricastaña. Con dramaturxia de Fernando Dacosta, trátase dunha obra inspirada en As cidades invisibles, de Italo Calvino que se presenta como un “espectáculo performativo, baseado no movemento e na creación actoral de espazos imaxinados”. Finalmente, a XIV Miteu bota o pano o venres 9 con Roleta Mortis, unha peza baseada no libro Crimes Exemplares, de Max Aub, que levarán ao escenario cinco estudantes de artes escénicas na Universidade do Minho, baixo a dirección de Ricardo Pinho.