DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun ciclo integrado por sete filmes non exhibidos previamente en Pontevedra

O cine francés retorna á Vicerreitoría baixo o influxo de París

A programación ábrese este venres coa proxección de ‘Nocturama’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/05/2019

París como fío condutor, como escusa para reunir historias que desde puntos de vista moi distintos proxectan lugares emblemáticos e perfectamente recoñecibles, pero tamén espazos pouco coñecidos da capital francesa. Deste xeito presenta a programadora Bárbara Santos Baixo o influxo de París, o novo ciclo de cinema francés impulsado pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Instituto Francés de Cine. Sete películas de diferentes xéneros, que non se proxectaron previamente en Pontevedra, integran a programación dun ciclo que abre este venres 31 a proxección de Nocturama, de Bertrand Bonello, e que se estende ata o 28 de xuño cunha serie de proxeccións, con entrada libre ata completar aforo, que terán lugar luns e venres ás 19.00 horas na sede da Vicerreitoría. 

“Gran parte do cinema francés encádrase nesta cidade, pero a súa visión é totalmente diferente á mirada que os cineastas non franceses teñen de París", explica Santos Mato, doutora en Historia da Arte e da Música pola Universidade de Santiago de Compostela e experta en cinema francés, dun ciclo que “non mostra a cidade como unha mera postal turística”. Dado que anteriores edicións do ciclo de cinema francés que cada ano promove a Vicerreitoría, propuxo un achegamento aos clásicos do cinema francés, Santos optou desta volta por unha selección de filmes estreados na última década e que constituísen tamén “obras moi representativas dentro da filmografía” dunha serie de cineastas en activo. “Pareceume interesante ofrecer visións diferentes, e historias que nada teñen en que ver entre si, dunha cidade tan coñecida por todos”, engade Santos dun ciclo no que, empregando París como pano de fondo, “teñen o seu lugar o fantástico, o drama, as pantasmas, os amores adolescentes, a revolución, o terrorismo, a inmigración ou a prostitución”. 

Sete citas nas tardes de venres e luns

Con proxeccións en versión orixinal subtítuladas, Baixo o influxo de París ábrese este venres 31 con Nocturama, unha das obras “máis provocadoras” do cineasta Bernard Bonello, que presenta un grupo de mozos que “comeza un estraño ballet polo metro da capital e polas súas rúas”, relata a programadora deste ciclo. O venres seguinte, exhibirase Personal Shopper, de Olivier Asayas, un “conto de pantasmas” que se achega a temáticas como o espiritismo, mentres que o luns 10 de xuño proxectarse L´Ombre des femmes, a segunda parte da “triloxía sobre o amor” de Philippe Garrel, un filme que, como lembra Santos, non contou con distribución en España. 

Baixo o influxo de París continúa o venres 14 con Holy Motors, unha “obra totalmente orixinal e libre” de Leox Carax, que “transita polos lugares emblemáticos de París, pero tamén polos seus recunchos máis descoñecidos”. Unha semana despois, o venres 21, exhibirase La Belle Personne, filme que toma como escenario o distrito 16 de París e no que o cineasta Chistophe Horonré formula unha reflexión “sobre o que se considera un amor normal ou un amor normativo”. O luns 24, a programación continúa con Gare du Nord, filme no que Claire Simon combina o documental coa ficción para retratar a estación máis concorrida de Europa, pola que pasan máis de sete millóns de viaxeiros ao día. Por último, o ciclo péchase o venres 28 con Eastern Boys, de Robin Campillo, filme que se encadra dentro do “chamado realismo social” e que parte da propia Gare du Nord “para logo mostrarnos nunha capital descoñecida”, explica Santos.