DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde o vindeiro martes ata o mes de maio

Cine, moda e artes escénicas enchen a axenda da Casa das Campás para esta primavera

As actividades estarán abertas a toda a cidadanía

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 07/03/2008

A partir da próxima semana, Xoves de Moda e Interzonas serán dous dos termos que máis se escoitarán no campus e fóra de el, xa que a Casa das Campás abre a súa programación para esta primavera a toda a cidadanía. Ciclos de cine, encontros con profesionais do eido do deseño e todo tipo de artes escénicas son algunhas das iniciativas que se desenvolverán ata o vindeiro mes de maio e, en verbas de Jesús Hernández, vicerreitor do campus, “teñen moita calidade e creo que por fin imos a acadar o que queriamos para a Casa das Campás”.
Da man da Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) chegan os Xoves de Moda, un programa de formación complementaria que pretende ser unha fiestra aberta que lle permita aos estudantes achegarse á realidade do sector téxtil a través do contacto con diferentes profesionais do eido do deseño e da moda. Un conxunto de seminarios, conferencias e encontros darán contido a este ciclo a partir do vindeiro 27 de marzo e continuarán todos os xoves durante os meses de abril e maio.
As artes escénicas son outro dos eixes fundamentais na programación da vicerreitoría do campus para esta primavera. A través do ciclo Interzonas, caracterizado polo risco, a hibridación e a procura de novos espectadores, preténdese formar un lugar de encontro de creadores procedentes de Galicia e de outros territorios. Oito proxectos distribuídos en cinco sesións que incluirán teatro, música, danza, performance, marionetas e cabaré, serán os protagonistas destas xornadas os días 3, 4, 10, 17, 24 e 30 do mes de abril.
Na axenda da Casa das Campás tamén hai un espazo reservado para os amantes do cine. O próximo 11 de marzo comezará o monográfico A ollada moderna de Alexander Kluge, un autor esencial para entender a modernidade cinematográfica no seo da cultura alemana da segunda metade do século XX. Esta iniciativa terá lugar todos os martes ata o próximo 29 de abril, nos que se proxectarán as obras deste autor e o ciclo pecharase o 20 de maio. Fidelidade a unha obsesión é outra das apostas da pantalla grande para esta temporada. Ao longo da semana que vai do 5 ao 9 de maio, en horario de mañá e tarde, poderase ver a obra completa do cineasta ruso Andrei Tarkovski, que en tan só sete longametraxes construíu un universo trabado de imaxes e dúbidas na que o tempo xoga ao seu favor.
Todas as actividades están abertas ao público e a entrada é de balde e sen límite de prazas, aínda que se existe un interese demasiado elevado, concretarase o aforo.

En outono…máis

Ademais da programación para esta primavera, desde a vicerreitoría do campus de Pontevedra tamén se está a traballar nas actividades do próximo outono. A segunda edición das xornadas de comunicación previstas, un ciclo audiovisual para novos realizadores, o desfile Debul08 da Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, distintos obradoiros para mestres en formación e as xornadas de performance, son algunhas das actividades que xa se están concretando.

Pódese descargar o folleto coa programación completa no link:

https://correoweb.uvigo.es/horde/imp/attachment.php?u=soniafernandez%40uvigo.es&t=1204805522&f=folleto_casa_campasimprenta.pdf