DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo ‘Docs del Mes congregou a máis de 1200 espectadores no seu primeiro ano en Pontevedra

O cinema documental consolídase dentro da oferta cultural do campus

O vindeiro luns o Teatro Principal acolle a proxección de ‘Bobbi Jene’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/03/2019

En febreiro de 2018, Pontevedra convertíase na segunda cidade de Galicia en acoller a programación de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental do que forman parte máis de 70 cidades no conxunto de España e que, da man da Vicerreitoría do campus e coa colaboración do Concello, levou a establecer unha cita mensual co cinema documental no Teatro Principal. Máis de 1200 espectadores e espectadoras asistiron o pasado ano ás dez proxeccións inseridas na programación dun ciclo ao que, da man da Universidade incorporábanse o pasado mes Vigo e Ourense e que o vindeiro luns continúa en Pontevedra a súa programación con Bobbi Jene, un traballo no que a realizadora Elvira Lind aborda a historia dunha bailarina que, tras unha década de éxito e fama en Israel decide regresar a Estados Unidos a traballar de xeito independente.

“O ciclo está funcionando moi ben a nivel de público, este é o segundo ano e estamos tendo unha media de máis de 100 espectadores ao mes”, salienta Manuel Morquecho, director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, dunha actividade que se desenvolve por segundo ano en Pontevedra e da que destaca tamén a calidade duns documentais, “moitos deles gañadores de diferentes premios”, así como a variedade das temáticas que aborda o ciclo que coordina a compañía barcelonesa Parallel 40.

Catro propostas máis antes do verán

Con entrada libre ata completar aforo e proxeccións en versión orixinal con subtítulos en castelán, trala exhibición de Silvana en xaneiro, e Ouaga Girls en febreiro, Docs del Mes continúa o vindeiro luns 25 ás 20.30 con Bobbi Jene, a segunda película documental de Elvira Lind, que reflicte a loita dunha muller, a bailarina que dá título ao filme, por manter a súa independencia volvendo a un país e a unha familia con fortes conviccións relixiosas que deixara atrás hai anos. 

Xa en abril, o luns 15 proxectarase no Teatro Principal Namrud, opera prima do realizador sevillano Fernando Romero, formado en Austria e Israel, onde traballou con músicos palestinos como director e produtor dos seus vídeos musicais. Namrud, nome que alude ao personaxe bíblico que construíu a Torre de Babel, achegará ás e aos espectadores a historia de Jowan Safadi, famoso e controvertido músico palestino-israelí, que coa súa banda Fish Samak escribe cancións críticas coa sociedade e nas que aborda temas considerados tabú no mundo árabe. 

O 20 de maio, a programación continúa con Time Trial, documental no que Finlay Prestell aborda as últimas carreiras do ciclista escocés David Millar, que recibiu unha suspensión por dopaxe en 2004 e se converteu posteriormente nunha potente voz dentro da loita antidopaxe. Xa o luns 16 de xuño chegará a quenda de Los Reyes, película na que os chilenos Bettina Perut e Iván Osnovikoff transportan aos espectadores a Los Reyes, o skatepark máis antigo de Santiago de Chile, onde dous cans, Fútbol e Chola, converten este espazo no seu fogar e campo de xogos. 

Ao igual que en 2018, Docs del Mes parará en Pontevedra nos meses de xullo e agosto, para retornar de novo en setembro con catro novas proxeccións, aínda por determinar, nos últimos meses do ano.

Programa completo