DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa inauguración dunha exposición itinerante na Escola de Enxeñería Industrial

Cintecx e Aimen unen forzas polo Día das Mulleres para inspirar as futuras científicas

Reúne ilustracións, fotografías, testemuños e frases inspiradoras de 27 investigadoras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Feiras e exposicións
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI 09/03/2026

Cintecx e Aimen celebran o Día da Mulleres cunha iniciativa conxunta destinada a visibilizar o talento feminino na ciencia e na tecnoloxía e a fomentar vocacións científicas libres de estereotipos entre o alumnado universitario. Ambas entidades presentaron este luns a exposición itinerante Mulleres Investigadoras Cintecx-Aimen, un proxecto que reúne ilustracións, fotografías, testemuños e frases inspiradoras de 27 investigadoras dos dous centros.

A mostra, instalada no vestíbulo principal da sede campus da Escola de Enxeñería Industrial, poderá visitarse ao longo de toda a semana e tamén en formato dixital a través das webs de ambos centros. O obxectivo é achegar ao público a diversidade de perfís profesionais que existen na investigación e amosar o papel clave das mulleres na xeración de coñecemento e innovación.

A inauguración contou coa participación de dúas investigadoras cun forte vínculo coa EEI: Xanel Vecino, investigadora de Cintecx e subdirectora de Alumnado e Relacións Institucionais da escola, e Lorena Freire, investigadora sénior en construción sostible de Aimen e antiga alumna e docente da EEI.

Testemuños que poñen en valor a constancia e o talento

Durante o acto ambas científicas compartiron anécdotas e experiencias persoais que permitiron ao público achegarse á dimensión máis humana da investigación. Lorena Freire destacou o papel da perseveranza ao longo da carreira científica, destacando que “o esforzo e a constancia poden levarnos a acadar calquera meta”, subliñando, neste senso, que “cada paso que damos contribúe a abrir novas oportunidades para as xeracións que veñen detrás”.

Pola súa banda, Xanel Vecino puxo o foco na importancia de manter a motivación incluso en contextos adversos. “Se lle pos esforzo, as cousas saen”, afirmou, lembrando que iniciou a súa tese sen financiamento, unha circunstancia que non impediu que consolidase unha traxectoria investigadora construída “a base de moito esforzo e enxeño”.

Unha iniciativa para inspirar e abrir camiños

Co lanzamento desta exposición, Cintecx e Aimen buscan reforzar a presenza de referentes femininos no ámbito STEM e amosarlle ao alumnado da EEI as múltiples oportunidades profesionais que ofrece un centro tecnolóxico.Así mesmo, búscase tamén contribuír a derrubar barreiras e animar ás novas xeracións a explorar, aprender e crear sen limitacións impostas polos estereotipos de xénero.