DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase o 21 e 22 de xullo na Escola de Enxeñería Industrial

Cintecx lanza un congreso doutoral internacional en enerxía e tecnoloxías industriais

Dirixido a persoal investigador en etapas iniciais e profesionais do ámbito industrial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 03/03/2026

A Universidade de Vigo celebrará os días 21 e 22 de xullo a primeira edición da Doctoral Conference in Energy, Technology and Industrial Processes, Dcetip 2026, un espazo de encontro para compartir avances, contrastar ideas e fortalecer vínculos entre quen investiga en ámbitos relacionados coa enerxía, a tecnoloxía e os procesos industriais. Promovido polo Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo, a conferencia terá lugar no salón de actos da sede campus da Escola de Enxeñería Industrial, concibida como un encontro con vocación internacional e cun enfoque que combina a dimensión académica coa profesional.

Un foro para impulsar a investigación emerxente

O congreso está dirixido a persoal investigador en etapas iniciais, doutorandas e doutorandos, persoas recentemente doutoradas e profesionais do ámbito industrial que desexen presentar resultados ou debater novas liñas de traballo. “Con Dcetip 2026 queremos crear un espazo aberto e dinámico no que o persoal investigador que inicia a súa carreira poida presentar os seus avances, aprender de referentes consolidados e establecer conexións que impulsen novos proxectos. Para Cintecx e para a Universidade de Vigo este congreso supón unha oportunidade para fortalecer a colaboración científica e promover a transferencia de coñecemento en ámbitos estratéxicos para o noso futuro”, destaca Ángeles Sanromán, directora do centro.

A organización subliña que o encontro busca favorecer a presentación e discusión de investigacións nun entorno estimulante, ademais de promover o contacto entre quen comeza a súa traxectoria académica e o persoal sénior con experiencia consolidada. Esta interacción aspira a xerar sinerxías, abrir oportunidades de colaboración e contribuír á transferencia de coñecemento cara aos sectores produtivos.

Seis áreas temáticas e ampla presenza internacional

O programa científico articúlase en seis áreas temáticas que abranguen desde solucións enerxéticas innovadoras ata tecnoloxías avanzadas aplicadas a procesos industriais, con cabida para aproximacións experimentais e computacionais orientadas á aplicación industrial.

O programa de Dcetip 2026 contará con figuras de referencia internacional cuxas intervencións achegarán unha visión actualizada dos avances máis relevantes nos ámbitos da enerxía, das tecnoloxías avanzadas e dos procesos industriais. Entre os principais poñentes xa confirmados atópanse Carmelo D'Agostino, da Universidade de Lund; Gherhardt Ribatski, da Universidade de São Paulo; Vítor Monteiro, do Centro Algorith da Universidade do Minho; Sergi García-Segura, da Arizona State University; e Ana Leite Oliveira, investigadora do CBQF – Centre for Biotechnology and Fine Chemistry, da Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa. As súas achegas reforzan a orientación internacional do encontro e subliñan o compromiso de Cintecx con atraer talento científico de primeiro nivel.

Envío de resumos ata o 10 de marzo

A preparación desta primeira edición está sendo coordinada polo comité organizador de Dcetip 2026, formado por persoal investigador e de apoio á investigación das distintas áreas e grupos que conforman Cintecx. Baixo a coordinación de Ángeles Sanromán Braga e Alejandro Gómez Yepes, directora e subdirector do centro, respectivamente, este equipo multidisciplinario garante unha planificación coherente coas necesidades científicas do congreso e unha visión representativa do amplo abano de especializacións presentes no centro.

O prazo para enviar resumos permanecerá aberto ata o 10 de marzo a través da web oficial, mentres que a inscrición temperá poderá realizarse ata o 5 de xuño.