A Facultade de Filoloxía e Tradución acolle por terceiro ano consecutivo este encontro
Cita en Vigo das novas e novos talentos da investigación sobre estudos e cultura popular en lingua inglesa
O programa, que se prolongará ata mañá xoves, inclúe 16 charlas e dúas conferencias plenarias
Medio cento de investigadoras e investigadores mozos chegados de diferentes puntos da xeografía nacional e do veciño Instituto Politécnico de Porto participan esta semana na Facultade de Filoloxía e Tradución nun seminario no que se presentarán en torno a unha vintena de traballos sobre estudos culturais e cultura popular en lingua inglesa. A cita arrancou este mércores e prolongarase ata mañá xoves. Serán en total 18 presentacións, 16 relatorios e dúas conferencias plenarias, tal e como explicaron as organizadoras, un equipo composto por catro investigadoras do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá: Mar Nieves, María Platas, Adriana Taboada e Celia Veiga.
A actividade, que se celebra en Vigo por terceiro ano consecutivo, está dirixida ao estudantado de grao, mestrado e doutoramento que desexa compartir o seu traballo de investigación sobre diversas manifestacións artísticas de carácter popular e en lingua inglesa. “Queremos facilitarlle ás persoas que están comezando un espazo no que presentar o seu traballo”, explicou Adriana Taboada na apertura do seminario, intre no que estivo acompañada polo profesora Ana Bringas, secretaria do Departamento, que foi a encargada de darlles a benvida aos participantes no seminario, titulado, nesta ocasión, Cultural Studies Remastered: Analysing Popular Culture Manifestations in English.
“O noso obxectivo é que as persoas participantes teñan a oportunidade de coñecer como funcionan os eventos académicos: envío de propostas e características dos resumos, proceso de inscricións, presentación do traballo, etc., e tamén que sintan que o traballo que están levando a cabo -ben para un TFG, unha tese, ou para un artigo- é válido, e que teñen moito co que contribuír ao campo”, explicaron as organizadoras. O feito de recibiren feedback doutros relatores e de profesorado experto nestes eidos axudaralles tamén, tal e como se explicou durante a presentación, a progresar nas súas respectivas investigacións, poñendo en práctica todas as ferramentas de análise que aprenderon durante a carreira/mestrado ou etapa de tese.
Partindo de películas, videoxogos, series...
Con contidos tan variados como traballos se presentan, as persoas participantes teñen neste encontro a oportunidade de escoitar comunicacións sobre sobre a necesidade de recuperar as voces femininas nos mitos antigos a través da obra de ficción Love in Colour. Tamén terán a oportunidade de saber máis sobre títulos tan coñecidos como Arcane e como nela se ven representadas distintas discapacidades, ou a película La Sustancia, estreada hai uns poucos meses, que será analizada desde dúas perspectivas, ambas con especial atención ao elemento crítico do filme: o “body horror”. Cóntase tamén con dúas charlas dedicadas á análise de videoxogos como son Fallout e The Last of Us Part II, e outra que estuda como se ve representado o lesbianismo no musical Wicked, na recente película co mesmo título dirixida por Jon M. Chu e na obra orixinal escrita por Winnie Holzman.
Conferencias a cargo de Belén Martín Lucas e Sara Tabuyo Santaclara
Ademais dos paneis, o público poderá escoitar dúas conferencias plenarias. A primeira, hoxe mércores, impartida pola profesora da Universidade de Vigo Belén Martín Lucas, experta nos estudos culturais, que falou da importancia que ten o pelo na conformación da identidade individual e cultural en distintos contextos xeográficos desde unha perspectiva interseccional e decolonial. A outra plenaria, mañá xoves, virá da man da doutoranda, tamén na UVigo, Sara Tabuyo-Santaclara, que está a piques de depositar a tese. “Sara fará unha análise da evolución do termo Girl Power, dende a súa orixe coma un slogan feminista disruptivo ata unha estratexia de marketing que fomenta o individualismo a través do postfeminismo”, explica Mar Nieves.
As persoas participantes, na súa maioría, proveñen das tres universidades galegas, pero cóntase tamén con relatorios de persoal investigador das universidades de Sevilla, Zaragoza, Euskal Herriko Unibertsitatea e Politécnica do Porto.
O evento contou co apoio do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá: o Grupo de investigación BiFeGa, a I Cátedra José Saramago, o Proxecto Communitas e a Vicerretoría de Comunicación e Relacións Institucionais.