DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este venres

Citaca pon en valor o potencial investigador do campus de Ourense no sector agroalimentario

A agrupación estratéxica do Campus da Auga inicia a súa actividade pública

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 14/12/2018

O Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca) arrancou este venres no campus de Ourense a súa actividade pública e fíxoo presentando aos axentes da contorna o seu potencial investigador como agrupación estratéxica formada por nove grupos de investigación e 134 investigadores e investigadoras e financiada recentemente pola Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia con 424.084 euros.  

O acto de inauguración contou coa participación de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense-Campus da Auga; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Belén Iglesias, concelleira de Educación; Ana Torrado, coordinadora de Citaca; José Manuel Díaz, da Confederación Empresarial de Ourense, e José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Agradecendo tanto o esforzo das persoas que traballaron na posta en marcha desta agrupación como da Xunta de Galicia polo seu financiamento, Esther de Blas fixo fincapé na importancia da colaboración, tanto interna, entre os grupos de investigación, como externa, cos axentes públicos e privados da contorna. “Desde logo o que non ten sentido xa é traballar nos nosos laboratorios, nos nosos despachos, sen mirar cara fóra. Temos que coñecer as necesidades da sociedade e temos que ser quen de transmitir os nosos traballos, os nosos resultados á sociedade”, afirmou.

Os axentes da contorna presentes na inauguración transmitiron os parabéns pola posta en marcha desta agrupación, amosaron a súa disposición a colaborar e transmitiron os seus desexos de éxito. “Universidade e sociedade van e deben ir da man e hoxe temos un exemplo”, dixo Belén Iglesias. “Estamos ao lado da Universidade, do campus e do Campus da Auga” nesta aposta pola auga, afirmou pola súa banda Rosendo Fernández. Salientando como o sector agroalimentario e da auga é fundamental para Ourense, José Manuel Díaz salientou como para o seu desenvolvemento “a colaboración público-privada é fundamental”. Do mesmo José Antonio Quiroga subliñou como a auga é un elemento chave para o desenvolvemento da provincia e de Galicia, polo que salientou a relevancia da posta en marcha de Citaca.   

Rede multidisciplinar

Ana Torrado foi a encargada de presentar aos membros da comunidade universitaria e axentes da contorna presentes no acto as características, obxectivos e potencialidades desta nova agrupación estratéxica. “Con Citaca queremos aumentar a nosa capacidade investigadora, fomentando sinerxías entre grupos con competencias diversas e aumentando a nosa capacidade de transferencia á contorna socioeconómica máis próxima”, comentou a coordinadora de Citaca. Esta primeira xornada, indicou, “é para presentármonos a todo o público pero sobre todo ao sector socioeconómico co que queremos interactuar directamente. Queremos que desde este sector nos retroalimenten para poder colaborar con eles na medida das nosas posibilidades e co obxectivo último de solucionar os seus problemas e abrir novas oportunidades para todos”, subliñou Ana Torrado.

O clúster, lembrou a súa coordinadora, nace como o instrumento principal da área estratéxica de investigación do Campus da Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, e ten como obxectivo crear unha rede multidisciplinar e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía e coñecemento a fin de contribuír á sostenibilidade ambiental e competitividade do sector agroalimentario. En concordancia co Campus da Auga, a nova agrupación sitúa a auga como eixe primordial que conecta todas as etapas do ciclo produtivo dos alimentos, considerando o aproveitamento dos residuos xerados en cada etapa, a súa relación co medio ambiente e a calidade da auga como recurso vulnerable.

Liñas de investigación, grupos e axentes da contorna

Ao longo da xornada, presentáronse tanto as liñas de investigación prioritarias de Citaca como os grupos de investigación que a compoñen. Esas liñas prioritarias son Auga e solo: protección dos recursos hídricos; Produción primaria sustentable e Seguridade e calidade alimentaria: competitividade e sustentabilidade. Os grupos de investigación da Universidade de Vigo que participan en Citaca, tal e como puideron coñecer as e os asistentes á xornada celebrada este venres, son Investigacións Agrarias e Agroalimentarias; Agrobioloxía Ambiental; Planta, Solo e Valorización de Subprodutos; Tecnoloxía de Alimentos; Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental; Síntese, Estrutura e Simulación; Bioloxía Aplicada a Agroecosistemas e Laboratorio de Informática Aplicada. Da Universidade de Santiago de Compostela participa en Citaca o grupo Enxeñaría e Xestión de Procesos e Produtos Sostibles. A eles súmase persoal investigador colaborador de institucións como o CSIC e diversos centros tecnolóxicos.

Ademais, a Xornada contou cunha mesa redonda con representantes da administración e centros de investigación, clústers, asociacións e empresas dos sectores da auga e agroalimentación, participando representantes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do Centro Tecnolóxico da Auga, da Estación Fitopatolóxica do Areeiro; da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias; de Viña Costeira Bodega; do Clúster Alimentario de Galicia; de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) e de Agroamb Prodalt. Alicia Moretto, do Instituto de Ciencias Polares, Ambiente e Recursos Naturais-ICPA, de Arxentina, foi a conferenciante convidada a esta cita.