DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na actualidade alberga a 14 entidades, pero nestes anos foron xa máis de 30

Citexvi cumpre dez anos con 400 profesionais traballando nas súas instalacións e máis de 20 millóns de euros anuais de facturación

Os socios promotores destacan o seu papel como actor principal do sistema galego de innovación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 20/07/2021

14 entidades, 400 profesionais traballando cada día nas súas instalacións e un volume de facturación anual conxunta que en 2020 alcanzou os 19 millóns de euros e que este ano agardar superar os 26 millóns. Estas son as grandes cifras que se manexan a día de hoxe na Cidade Tecnolóxica de Vigo, Citexvi, unha entidade que comezou a fraguarse no 2006 e se inaugurou  en xullo de 2011 da man de catro socios estratéxicos –a Universidade de Vigo, o Consorcio Zona Franca, Abanca e a Xunta de Galicia- co obxectivo de converterse nun referente da promoción e impulso das actividades de I+D+i, tanto a nivel galego como nacional. 

A entidade celebrou este martes o seu décimo aniversario satisfeitos polo camiño percorrido e cheos de proxectos e iniciativas de futuro. As medidas de precaución fronte á pandemia motivaron que non houbese grandes celebracións, pero non impediron un pequeno acto e visita ás instalacións dos responsables dos catro socios promotores: o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o delegado do Consorcio da Zona Franca, David Regades; o xefe territorial de Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Tomas Nogueira, e o director de Negocio para Galicia, Asturias e León de Abanca, Lino Comesaña. Os catro quixeron destacar o papel desta entidade  como actor principal do sistema galego de innovación e exemplo claro de colaboración público-privada, un modelo de xestión que favorece, por unha banda, a transferencia de coñecemento e tecnoloxía da universidade á empresa e que, por outra banda, é quen de satisfacer as necesidades empresariais e de mercado mediante o desenvolvemento e o impulso do coñecemento.

Máis do 90% son titulados universitarios, sobre todo do ámbito da enxeñaría

Cun edificio de 6700 metros cadrados, deseñado polo arquitecto Alfonso Penela e no que se investiron 12 millóns de euros, Citexvi púxose en marcha oficialmente en xullo do 2011 nunha inauguración que contou coa participación, entre outros, da ministra de Innovación, Cristina Garmendia, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Ao finalizar ese mesmo ano as instalacións daban xa acubillo a nove entidades e arredor de 80 profesionais, dez anos despois estas cifras multiplicáronse e a día de hoxe, tal e como se destacou durante a presentación, son 14 as entidades que desenvolven a súa actividade neste edifico (Imatia, Centum, EnergyLab, Nanuimnunotech, Insitu, Aquanovis, o Laboratorio Europeo de Referencia de Biotoxinas Mariñas ou o Grupo de Nutrición e Alimentación da UVigo, entre outros) e 398 os profesionais que traballan nelas.

De todos estes profesionais máis do 90% teñen titulación universitaria, maioritariamente Enxeñaría de Telecomunicación, Informática e Industrial, pero tamén Química, Bioloxía, Ciencias do Mar e Administración e Dirección de Empresas. “De todos estes traballadores arredor do 27% son mulleres, principalmente cunha titulación do ámbito STEM”, explicou o xerente de Citexvi, Manuel Aranda, quen salientou que nestes anos o edificio albergou 30 entidades, o que propiciou que máis de 1300 persoas teñan desenvolto a súa actividade profesional nestas instalacións en ámbitos como as comunicacións, as tecnoloxías da información, enxeñaría, enerxía e medio, consultaría tecnolóxica, biomedicina, ciencias naturais e mariñas e tecnoloxías agroalimentarias. “A evolución e consolidación dalgún dos proxectos que se desenvolveron no edificio ao longo desta década propiciaron que deran o salto a outras contornas acordes coas súas necesidades, mentres que outros proxectos tiveron que reformular a súa viabilidade”, explicou Aranda.

Exemplo de colaboración público-privada e de aposta polo talento

“Citexvi naceu nun intre no que en España se comezaba a traballar na asociación entre o público e o privado e isto na Universidade de Vigo xermolou de xeito moi doado porque nós sempre tivemos no noso ADN a necesidade de formar parte da sociedade e de impulsar a transferencia ás empresas”, explicou o reitor Manuel Reigosa, destacando así a importancia que desde a institución académica viguesa se lle dá a que todo o coñecemento que se xera nos seus laboratorios, aulas e seminarios serva para que “a sociedade progrese, sexa máis próspera e tamén máis xusta”.

Nesta liña manifestouse tamén o delegado do Consorcio da Zona Franca, David Regades, quen se referiu á Universidade de Vigo como un socio estratéxico. “En todos os proxectos que estamos a abordar nestes intres a través dos fondos Next Generation imos man a man coa Universidade de Vigo”, salientou Regades, referíndose aos proxectos de fábrica de baterías e a de fotónica e chips, “onde nós simplemente somos o acompañamento a unha grande idea que nace na Universidade”. Con respecto á celebración do aniversario de Citexvi, o delegado do Consorcio Zona Franca quixo destacar “a necesidade de seguir apostando polo talento”, e de seguir facéndoo de xeito conxunto entre a administración pública e a privada como “a mellor forma de garantir o futuro”.

O apoio ao proxecto chegou tamén da man dos outros dous socios promotores: Abanca e a Xunta de Galicia. “Citexvi ten sido un punto esencial de todo o que é a investigación, a innovación e o desenvolvemento en todos os sectores produtivos, algo especialmente importante nestes tempos tan difíciles de entrada/saída dunha pandemia”, salientou Lino Comesaña, ao que o representante da Xunta, Tomás Nogueira, engadiu que “desde o primeiro minuto se sabía que Citexvi sería sinónimo de éxito e os resultados están á vista de todos”.